A bolsa de emprego temporal para traballar na Xunta de Galicia vén de incorporar 1.481 novas persoas admitidas, segundo figura nas listas para o desempeño transitorio de postos de persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral, publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Das case 1.500 solicitudes admitidas, 405 correspóndense con listas elaboradas para o nomeamento de funcionarios interinos dos distintos corpos, escalas e especialidades da Comunidade Autónoma de Galicia, e as outras 1.076 con listas abertas para a contratación de persoal laboral temporal en distintas categorías profesionais.
No que se refire ás listaxes destinadas á cobertura temporal de postos de traballo mediante o nomeamento de persoal funcionario interino, o maior número de persoas admitidas (143) concentrouse na lista para realizar substitucións no corpo auxiliar (subgrupo C2).
Por outra parte, as listas para a contratación de persoal laboral cun maior número de solicitudes admitidas foron as de auxiliar sanitario (grupo IV-003), con 500 novas persoas inscritas, e a de axudantes técnicos sanitarios (grupo II-002), con 136 persoas.
A orde na que aparecerán os aspirantes nas listas dependerá fundamentalmente do esforzo realizado e da experiencia, e dicir que se situarán nos primeiros postos de contratación aqueles que obtiveran as maiores puntuacións en oposicións convocadas pola Xunta e que demostren maior experiencia profesional adquirida por contratos anteriores.
Consultas
As listaxes entrarán en vigor mañá e poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta, http://funcionpublica.xunta.gal, no apartado de listas de contratación, así como no servizo de atención e información á cidadanía a través do teléfono 012, no servizo de información dos edificios administrativos e nas oficinas comarcais da Xunta.