Comarcas

@depo_es organiza dúas novas sesións informativas sobre teleasistencia domiciliaria en Baiona e O Grove

A Deputación de Pontevedra organiza para a vindeira semana dúas novas sesións informativas, dirixidas ás veciñas e veciños e a técnicas e técnicos municipais de Baiona e O Grove, sobre a teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración cos concellos da provincia.

A primeira delas terá lugar en Baiona, no auditorio do Museo da Navegación da vila o vindeiro luns 18 de decembro ás 11.30 horas. O mércores, 20 de decembro, terá lugar a segunda xornada da semana ás 17.30 no Centro da terceira idade do Grove. Esta será a segunda xornada que se realice na vila do Salnés xa que debido ao éxito da primeira sesión informativa que se levou a cabo no mes de novembro o concello solicitou unha nova edición.

Estas charlas informativas, cunha duración aproximada dunha hora, teñen por obxecto dar a coñecer á veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. Así, ata o momento foron quince concellos os que solicitaron que se leve a cabo a sesión informativa: Baiona, Barro, Cambados, Cerdedo-Cotobade (unha en Cerdedo e outra en Cotobade), Cuntis, Forcarei, O Grove, Meis, Pazos de Borbén, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tui, Ponte Caldelas e Valga. Destes concellos, de cara as vindeiras semanas, tan só queda Ponte Caldelas por organizar a súa xornada informativa.

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra ampara na actualidade a un total de 465 persoas, das que preto dun 75% son mulleres. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.

También te puede interesar