Vigo al minuto

O Concello lembra que a Xunta ten que garantir a potabilidade da auga e pregunta onde están os 45 millons que lle pagaron os vigueses como cánon

O Goberno local lembra este xoves, nunha nota enviada aos medios de comunicación, en respostas ás declaracións do presidente do Goberno de Galicia, que “é a Xunta a que garante que a auga de Vigo é potable ao 100%”. Isa é reponsabilidade da Xunta de Galicia, indican dende o Concello.

O Goberno Caballero sinala que “no ano 2011, a Xunta a petición de Vigo, garantiu un transvase de emerxencia que nunca fixo, na Coruña en cambio si que o fixo. Agora ten que facer aquel transvase por urxencia, ante esta neglixencia, e vai ser Vigo quen pague o 80% do custo para dar auga a Redondela, Soutomaior, Moaña, Cangas, Nigrán, Mos, Gondomar, Porriño e Salceda”.

Así mesmo, engade que a Administración Galega cobra as vigueses un canon de auga de 5,5 millóns de euros e pregúntalle ao presidente Feijóo, “onde están?”.

O Goberno municipal pregunta tamén ao xefe do Executivo galego, “onde está o trasvase de 2011?, cre o señor Feijóo que a potabilizadora de Redondela ten que pagala Vigo? Cre o señor Feijóo que a potabilizadora de Moaña ten que pagala Vigo? E tamén ten que pagar Vigo a potabilizadora de Cangas? Vigo dá auga potable a todos estes municipios, de xeito que marcha para fóra do seu termo municipal o 17% da auga potabilizada, por iso a potabilizadora é supramunicipal”, e subliña que “no ano 2013 a Xunta de Galicia presupostou unha potabilizadora para Vigo e nunca máis se soubo dela”.

A xuizo do Goberno municipal  “o señor Feijóo ten un problema: ten as competencias de subministración de auga en alta aos concellos, e temos que facelo os propios concellos porque de Feijóo nin se sabe nin se lle espera. É o maior fracaso de xestión dun político. Non é capaz de facer fronte ás súas responsabilidades”.

O Goberno local salienta que “en Vigo, nestes anos, renovamos 300 quilómetros de tubaxes, melloramos a potabilizadora e pagamos a Feijóo, desde que é presidente da Xunta, 45 millóns de euros de canon de auga. Onde están?”

Para os responsábeis locais  o problema de Vigo é de escaseza de auga na présa de Eiras e o baixo nivel orixina turbidez na auga. Non é a potabilizadora. O responsable de resolver o problema a 35 quilómetros de Vigo é a Xunta de Galicia. “Vigo pode resolver o seu problema simplemente cortando a auga a todos os concellos aos que lla dá. Se Vigo corta a auga da présa pagada por Vigo a todos os concellos que a reciben, o problema queda resolto. Non o facemos, nin o faremos, por responsabilidade”.

O executivo de Caballero acusa a Feijóo de pretender que sexa Vigo quen pague a auga de outros concellos e “oculta a súa incapacidade mesturándoo coa potabilizadora que cumpre esa función potabilizadora en condicións normais para Vigo, Cangas, Moaña e Redondela de forma excepcionalmente boa”.

O Goberno municipal remata afirmando que nestes momentos, a auga de Vigo é potable e así o indican as análises que certifica a Xunta de Galicia. O nivel de potabilidade da potabilizadora de Vigo é idéntico ao do Louro ou ao da potabilizadora de Redondela. “Son eles tamén causantes? Ou é un problema de seca? Ou é Feijóo facendo política?”

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.