'Qué te cuentas?' Vigo al minuto

Cinco especialistas en pneumoloxía do Complexo Hospitalario de Vigo reciben a máxima distinción europea no seu campo

Catro pneumólogas e un pneumólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) lograron superar as probas para a certificación europea en enfermidades respiratorias no exame que ven de celebrarse na cidade italiana de Milán.

A acreditación HERMES (Harmonised Education in Respiratory Medicine for European Specialist) está considerada como a máis importante a nivel mundial: expídese só a aqueles facultativos que xa son especialistas e que superan as correspondentes probas.

É a primeira vez que cinco profesionais dun mesmo servizo aproban o exame para a obtención do certificado. Ao redor dun centenar de especialistas de todo o mundo concorren cada ano a esta proba.

As pneumólogas Virginia Leiro, Maribel Botana, Cecilia Mourente e Cristina Ramos, así como o pneumólogo Abel Pallarés foron os que obtiveron as acreditacións. Dáse a circunstancia de que as doutoras Leiro e Botana xa foran primeira e terceira, respectivamente, en obter a certificación similar que se outorga en España.

A convocatoria das probas coincidiu co congreso da Sociedade Europea de Medicina Respiratoria (ERS), que levouse a cabo tamén na cidade do norte de Italia.

Consolidación nacional

“É unha gran satisfacción que cinco dos nosos profesionais obtivesen a acreditación, porque marcaron un fito neste tipo de probas; o servizo en particular e o CHUVI en xeral deben sentirse contentos con este recoñecemento internacional”, afirma o xefe de Pneumoloxía, o doutor Alberto Fernández Villar.

A obtención deste tipo de acreditacións ao máis alto nivel servirá, ademais, para que o Servizo de Pneumoloxía do CHUVI poida situarse na vangarda nacional. “Aspiramos a consolidarnos e acreditarnos como un servizo de referencia a nivel nacional, non só polo nivel de investigación que tamén é moi elevado, senón polo recoñecemento e a cualificación dos profesionais do servizo, xa sexan facultativos ou persoal de enfermería”, explica o doutor Fernández Villar.

También te puede interesar