Vigo al minuto

Traballadores de Maderas Iglesias saen de novo á rúa para esixir o mantemento dos seus empregos

“Queremos traballar, pero tamén cobrar”, “ERE equitativo, iso é o que pido” e “Maderas Iglesias, solucion” foron de novo as consignas que máis se escoitaron este sábado durante o percorrido entre o centro de traballo de Louro, no Porriño, e o de Sanguiñeda, en Mos. A marcha tamén pasou por diante do Concello do Porriño, onde os traballadores detivéronse  uns minutos.

Antes do inicio da manifestación, que arrincou ás 11 da mañá, o presidente do comité, Vicente Molares, da CIG, dirixiuse a todo o cadro de persoal para explicarlles o que a empresa lle trasladou á representación dos traballadores na xuntanza que tivo lugar onte a petición do propio comité.

No que respecta ao pago das débedas pendentes, a dirección de Maderas Iglesias comprometeuse a abonarlles o vindeiro 30 de novembro a paga extra do mes de xullo. A de decembro quedaría pendente de pago, sen data de abono.

De igual xeito, a empresa anunciou que os salarios de novembro pagaranse antes do 10 de decembro, mentres que os de decembro ingresaranse o día 30 dese mes. “Na reunión insistímoslles que o persoal que se atopa de baixa ten que cobrar ao mesmo tempo que o resto, xa que parece ser que algúns traballadoras que se atopan de baixa recibiron onte os soldos e os restantes recibirano ao longo da semana”, indicou.

No que respecta ao ERE, explicou que a empresa lles asegurou que no pode ser máis equitativo, tal e como reclama o cadro de persoal, “xa que a algunhas persoas non se lles pode aplicar”. Ademais, seguen a negarse a pagar os días efectivos de traballo, “e no caso de ir ao ERE o día 31 como indica a lei tamén se opoñen a respectar os nosos días festivos e de vacacións como establece o calendario de ERE que se lle presentou á Xunta”. Con todo, a dirección recoñece que o ERE non é sostíbel e que non serve para arranxar a situación, algo que a representación social mantén dende hai anos.

O presidente do comité incidiu na importancia de continuar coas mobilizacións para chamar a atención da Xunta e que faga efectivo o acordado no Parlamento por todos os grupos políticos. De feito, ao remate da mobilización anunciouse a posibilidade de trasladar as protestas até a delegación do Goberno autonómico en Vigo “xa que a empresa recibiu subvencións públicas a través do Igape, ademais de levar anos a ingresar cartos de todos para manter os ERE”.

También te puede interesar