Vigo al minuto

As persoas afectadas polos incendios poden chamar ao teléfono 900815400 para informarse sobre as axudas da Xunta

O presidente do Goberno de Galicia informou este xoves da aprobación de case 21 millóns de euros, ampliables, para prestar apoio a todos os afectados polos lumes  do pasado 15 de outubro, a través dunha orde de axudas conxunta.

Durante a rolda de prensa do Consello, Alberto Núñez Feijóo referiuse, nun primeiro termo, á coordinación que ampara esta decisión: “Coordinación da Xunta, xa que, para unha maior utilidade e xestión por parte dos afectados hai unha orde conxunta que se publicará o luns próximo no DOG. E, coordinación co resto de administracións, tanto cos concellos, como coas deputacións, para financiar os danos que afectan ao patrimonio municipal, dentro do seu ámbito territorial”, explicou.

Nesta mesma liña, referiuse á coordinación co Goberno central, trasladando a confianza de que na reunión do Consello de Ministros do venres se aborde o informe sobre os danos producidos polos lumes en Castela e León, Asturias e Galicia, para, posteriormente, aprobar a orde correspondente para a implementación das axudas.

Feijóo incidiu en que con esta orde de axudas, que será publicada no DOG o luns próximo, a Xunta ofrece unha resposta inmediata para as necesidades xurdidas por uns incendios atípicos e extraordinarios.

Así mesmo, subliñou que calquera das persoas afectadas terá a súa disposición para informarse o teléfono 900815400.

Coa prioridade de atender as vítimas e as súas familias, a Consellería de Facenda será a encargada de outorgar as axudas por danos persoais. Ademais dos casos de falecemento e incapacidade permanente, tamén se inclúen os casos de lesións que causasen hospitalización ou asistencia médica.

A Consellería de Infraestruturas xestionará as axudas para recuperar as vivendas que se viron afectadas e o enxoval doméstico, cun investimento de 2 millóns de euros, ampliables. Ao respecto, no caso das vivendas de residencia habitual, o importe máximo poderá acadar o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 75% do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida na mesma localidade.

No caso das residencias ocasionais o importe máximo será dun 40% do valor da reparación ou reposición do inmoble danado.

Así mesmo, na mesma consellería habilítase unha partida de máis de 500.000€ para sufragar os gastos de aloxamento provisional das persoas cuxas vivendas resultaron danadas.

Co obxectivo de apoiar tamén a aqueles establecementos comerciais, mercantís e industriais que se viron afectados polos lumes, a Xunta habilita dúas medidas: axudas para obras de recuperación e reconstrución de establecementos, cun límite de 600.000€ por establecemento, ademais de préstamos con xuros bonificados para financiar esas actuacións.

Dentro dos sectores produtivos, e no caso de Medio Rural, habilítanse axudas para reparar distintos danos como: infraestruturas de titularidade privada (pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedeiros e comedeiros); gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial; reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras; perda total ou parcial de produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras; morte de gando ou perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas, coa adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas.

Pola súa parte, a Consellería do Mar destinará 1 millón de euros para reparar danos causados nos bancos marisqueiros derivados dos incendios. Cómpre salientar que os interlocutores serán confrarías, organizacións de produtores, asociacións de profesionais do sector e as cooperativas.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico subliñou que unha das partidas máis importantes é a reservada pola Vicepresidencia para os concellos, co obxectivo de facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e para os danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal.

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte habilitará 100.000 euros para as asociacións, clubs e entidades deportivas polos danos nas súas instalacións. E, polo que respecta á Consellería de Medio Ambiente, haberá axudas para os titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor), cun orzamento de 300.000 euros. Estas axudas estarán destinada aos propietarios destes espazos para facer fronte aos traballos de recuperación e protección dos recursos, así como de elementos tales como refuxios, fontes, comedeiros, cercados, ou elementos de sinalizacións.

Co fin de que as axudas poidan ser efectivas o antes posible, Feijóo subliñou que se habilitarán anticipos, por exemplo, de ata o 80% na reparación de vivendas.

O presidente do Executivo galego aseverou que varias consellerías xa están ademais traballando en actuacións directas para paliar os efectos dos lumes. “Así, Medio Rural xa ten consignados 7 millóns de euros para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas”, dixo, ao que engadiu que, nunha primeira fase, se traballará nos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo de 2017; e, nunha segunda fase, no resto de lugares onde se considere preciso actuar.

Neste mesmo sentido, a Consellería de Medio Ambiente ten dirixido máis de 1 millón de euros a medidas para a rexeneración e consolidación dos solos danados polos incendios en tres parques naturais: Baixa Limia-Serra do Xurés, O Caurel e Os Ancares.

Por outra banda, e coa finalidade de impedir o arrastre e a chegada dos sedimentos aos cursos fluviais, a vindeira semana levarase xa a cabo a fixación e consolidación dos chans afectados.

En definitiva, esta orde pon case 21 millóns de euros, ampliables, a disposición dos afectados: algo máis de 11 millóns de euros a disposición dos cidadáns e entre 8 e 9 millóns de euros para actuar, con presuposto e directamente, nos ámbitos da reforestación e consolidación dos solos.

También te puede interesar