Galicia

@obloque demanda á Xunta que actúe para garantir o emprego en Maderas Iglesias

O BNG demanda que o Goberno de Galicia adopte medidas concretas coa propiedade da empresa Maderas Iglesias, destinadas a evitar a destrución de emprego e o respeito aos dereitos laborais. Así se recolle nunha proposición non de lei, presentada este venres en Vigo, durante unha rolda de prensa, polo deputado do BNG, Luís Bará, e que será debatida no Pleno do Parlamento galego do próximo mércores.

Bará, canda os responsábeis locais do BNG do Porriño, Pedro Pereira, e de Vigo, Serafín Otero, mantivo un encontro na cidade olívica con representantes do Comité de Empresa e da federación da Construción da CIG. No encontro, a fronte nacionalista trasladoulle ao cadro de persoal o seu compromiso na procura dunha saída que asegure a continuidade da actividade e do emprego.

Maderas Iglesias foi un dos maiores produtores mundiais de tarima flotante e chegou a empregar máis de 800 persoas, que na súa maioría (80%) eran mulleres. No entanto, a empresa, que conta con centros de produción no Porriño e en Mos, conta arestora cun plantel de apenas 253 traballadores e traballadoras. Após enfrontar dous procesos concursais e sete expedientes de regulación de emprego, a situación do persoal comeza a ser moi preocupante, con empregados e empregadas que xa consumiron máis de 400 días da súa prestación por desemprego.

Desde o Comité de Empresa informaron de que se presentaron varias reclamacións diante das autoridades denunciando que non se respectan as condicións do ERE nin os calendarios de vacacións e festivos. Aliás, os seus salarios acumulan unha importante perda de poder adquisitivo, ao só ter aumentado un 0,75% nos últimos oito anos. Denuncian tamén o impago de pagas extras e atrasos nas nóminas.

Diante desta situación o BNG urxe ao Goberno galego a actuar, no marco das súas competencias, para evitar que a ameaza de feche que paira sobre a empresa se poida materializar.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.