Comarcas

@depo_es empeza os traballos de mellora de tratamento da estrada entre A Cañiza e Arbo

A Deputación de Pontevedra vai mellorar a capa de rodadura de varios treitos da estrada provincial EP-5003 entre A Cañiza e Arbo, no concello de A Cañiza. A intención, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é aumentar a adherencia das vías mediante a execución dunha capa de tratamento antiescorregadizo, acadando unha mellora notable da seguranza viaria.

Os servizos técnicos da Deputación consideraron necesario realizar as actuacións en máis de seiscentos metros da vía, entre os puntos quilométricos 10+324 e 10+604, e entre o punto quilométrico 10+745 e o 11+075.  O orzamento para facer estes traballos, que se contratan de xeito conxunto con outras actuacións en Mos, O Grove, Meis e Meaño, ascende a 53.259,94 euros. Os traballos terán que estar executados nun prazo dun mes a partir da data de replantexamento.

Este tipo de melloras e actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018 a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as contratacións para, unha vez detectadas deficiencias nos asfaltados, poder realizar os traballos de acondicionamento sen ter que pasar por un longo procedemento administrativo.

Segundo explica o deputado de Mobilidade, “trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un acordo marco que permitirá realizar actuacións puntuais nas estradas provinciais (corrixir pavimentos escorregadizos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outras) de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas”.

En virtude dese acordo marco para executar o Plan de Rehabilitación de firmes, que agora está en fase de licitación para ser aplicado o vindeiro ano por un valor global de 4,4 millóns de euros, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área. O lote número dous inclúe os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de licitación de 711.896,06€.

También te puede interesar