Ciencia y Tecnología

@depo_es mantén aberto ata o día 15 o prazo de solicitude para espazos ‘coworking’ no viveiro de Empresas Barro-Meis

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI) manteñen aberto ata o 15 de setembro o prazo de solicitude dos espazos de coworking do Viveiro de empresas de Barro-Meis, que dará cabida a entre 16 e 22 proxectos emprendedores. A iniciativa está dirixida a novos proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente, con non máis de 6 meses, que deste xeito obterán “un espazo de traballo gratuíto durante 5 meses así como formación e acceso a extraordinario material dixital como impresoras 3D ou escáneres 3D,  que terán á súa disposición”, explicou Carmela Silva.

As persoas beneficiarias dos espazos de coworking terán tamén a posibilidade de recibir, gratuitamente, asesoramento personalizado impartido por persoal experto, formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro. Deste xeito, tanto a Deputación de Pontevedra como a EOI pretenden que as iniciativas que participen no coworking poidan incorporarse en aceleradores e cubrir a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

Máis polo miúdo, os proxectos seleccionados seguirán un proceso de asesoría personalizada de 40 horas por parte de persoal experto de recoñecido prestixio. O asesoramento ten por obxectivos acompañar aos emprendedores dende o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e a optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que aparezan no camiño.

Ademais, desenvolveranse máis de 60 horas de formación especializada en diversas temáticas que se tratarán en obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos. Os cursos abordarán por exemplo a consolidación e validación do modelo de negocio seguindo a metodoloxía “Lean Startup”, as habilidades e ferramentas para o emprendemento ou materias específicas para o impulso e despegue do proxecto empresarial.

Por outro lado, celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado. Como peche a cada unha das edicións, celebrarase un Demo Day durante o cal se presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

As e os participantes no coworking terán acceso tamén de maneira gratuíta ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, que estará situado no mesmo espazo do viveiro de Barro-Meis, e onde se contará con equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.). Nestes laboratorios desenvolveranse unha completa programación de talleres específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía. Desta maneira, calquera emprendedor ou emprendedora que o precise, poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións.

As iniciativas empresariais interesadas en participar nesta convocatoria poderán descargar o formulario de solicitude na páxina web https://www.depo.es/coworking-en-pontevedra. Unha vez rematados os 5 meses, estas iniciativas empresariais terán a oportunidade de solicitar unha praza no viveiro de empresas de Barro – Meis, de xeito que poderán continuar a súa actividade sen apenas desprazarse.

O obxectivo principal do coworking, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e cun investimento global de 800.000 euros, é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores que participen nestes espazos compartidos nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento.

También te puede interesar