Ciencia y Tecnología

@Xunta abre o prazo para solicitar axudas para a protección de animais de compañía abandonados en Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres, día 17 de agosto, a orde de axudas para fomentar actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convoca hoxe estas subvencións que disporán dun orzamento total de 300.000€ dirixidas principalmente ás corporacións locais que ostenten a competencia da recollida e tenza dos animais -con medios propios ou a través de convenios ou acordos con asociacións inscritas no Rexistro xeral de asociacións para a protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia ou con empresas autorizadas para tales fines- e asociacións sen ánimo de lucro.

O obxecto destas axudas, indica o Goberno galego, é o fomento de actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado daqueles exemplares que se atopen nos centros de recollida autorizados, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e a adquisición de material non funxible para a xestión e manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados.

Así, entre as actuacións subvencionables para os animais que se atopen nos centros de recollida autorizados están os gastos de manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico para cans e gatos, coa finalidade de acadar un estado nutricional óptimo; os custes derivados da esterilización cirúrxica dos animais, coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción; así como da identificación animal, mediante a implantación de microchip dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados; e por último, gastos derivados da aplicación de medidas profilácticas necesarias para garantir o bo estado físico e sanitario do animal e a prevención de enfermidades infeccio-contaxiosas, relativos á vacinación preventiva e á desparasitación externa e interna dos animais.

Tamén se poderán imputar a esta orde de axudas a realización de campañas de concienciación e promoción da tenza responsable e para a adopción de animais abandonados que incluirá a elaboración de material divulgativo, realización de charlas ou talleres, e a adquisición de equipamento non funxible para a xestión e manexo dos animais.

O prazo establecido para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir da data de entrada en vigor da orde.

También te puede interesar