Galicia

@carmelasilva inaugura a senda botánica do Castelo de Sobroso

Carmela Silva, xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, inaugurou este martes pola mañá a senda botánica do Castelo de Sobroso, a través da cal –segundo dixo a presidenta da Deputación- “ se pode gozar da diversidade medioambiental do Bosque Atlántico arredor dunha xoia do noso patrimonio histórico e cultural”. A institución provincial investiu nesta senda circular dun quilómetro de longo preto de 120.000 €.

Silva amosou a súa satisfacción porque “cando anunciábamos a finais de xuño que íamos desenvolver esta senda asegurábamos que estaría operativa no mes de agosto e hoxe, 1 do mes, podemos sentirnos orgullosos por ter cumprido estritamente cos prazos marcados”.  Así, desde este momento, as persoas interesadas poderán percorrer a senda botánica do Castelo de Sobroso e descubrir exemplares característicos do Bosque Atlántico entre os que se atopan os carballos, os castiñeiros, as sobreiras, as camelias, os cipreses e árbores froiteiras.

A senda botánica do Castelo de Sobroso inclúe sete paneis tecnolóxicos, con códigos QR, e oferta contidos en inglés, castelán e galego, que permitirán facer o percorrido dunha forma máis amena e descubrir o valor natural e paisaxístico deste novo espazo. Máis polo miúdo, os sete paneis proporcionan información relativa ao mundo baixo os nosos pés, os liques, o carballo, o alcanfor, as froiteiras, a sobreira e o acivro, protagonistas da senda.

Amais da posta en marcha desta nova senda botánica arredor do castelo, a Deputación está a traballar na naturalización do entorno forestal dos xardíns do recinto. Para elo, estanse a retirar especies invasoras como as acacias e, nuns meses, eucaliptos co obxectivo de acadar unha importante mellora ambiental e paisaxística e deixar accesibles os restos históricos que se atopan nas inmediacións deste espazo.

Xunto ao exterior do Castelo de Sobroso, a institución provincial tamén vai levar a cabo unha serie de obras, por valor de preto de 400.000€, para conservar e manter o recinto histórico. Estas obras son o paso previo ao plan de musealización que está previsto para o castelo e que impulsarán a definitiva posta en valor do recinto como espazo cultural e natural.

O obxectivo principal dos proxectos que se están a desenvolver en Sobroso é que no 2018, Ano  Internacional do Patrimonio, tanto o recinto histórico como o Bosque Atlántico sexan focos de atracción turística e que as persoas visitantes poidan gozar do alto valor histórico e natural do castelo.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.