Cultura

Sete centros educativos de Pontevedra distinguidos cos ‘Premios Proxecta’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución provisional pola que se resolve a segunda edición dos ‘Premios Proxecta’, de Innovación educativa, unha convocatoria que ten como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta, e na que resultaron distinguidos sete centros educativos da provincia de Pontevedra

Na categoría A, o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns –de Vilagarcía de Arousa-, o segundo para o CEIP de Laredo de Redondela- e os terceiros para o CEIP A Rúa –Cangas- e o CEIP Illas Cíes –Vigo-. No caso do CEIP de Rubiáns, premiouse o proxecto documental ‘O mar de Sabela’,  que aglutina os traballos desenvolvidos ao abeiro dos programas Aliméntate ben, Naturézate e Nós tamén creamos!; mentres que no de Laredo o traballo galardoado, Esencia Laredo, describe a creación dunha microempresa educativa cunha finalidade solidaria, en colaboración con distintos axentes institucionais e sociais. Pola súa parte os proxectos dos CEIPs A Rúa e Illas Cíes centráronse na alfabetización audiovisual e no consumo responsable, respectivamente.

Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos o CEIP de Espedregada (Pontevedra) e o CEIP Plurilingüe Riomaior (Vilaboa).

Na modalidade B, destinada á participación de CPI, IES, CIFP e centros públicos de educación e promoción de adultos; o segundo premio foi para o IES Carlos Casares –Vigo-, por un traballo no que abordaron a figura de Carlos Casares, homenaxeado das Letras este ano.

Os Premios Proxecta van destinados aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso correspondente.

Plan Proxecta

O Plan Proxecta –que no curso 2016/17 chegou a 428 centros sostidos con fondos públicos e preto de 91.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 41 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

También te puede interesar