Vigo al minuto

Vigo contabiliza a metade de toda as demandas presentadas en Galicia polas ‘cláusulas chan’

Os catro xulgados galegos de cláusulas chan recibiron desde o 1 de xuño máis de 1.600 demandas relativas a litixios relacionados coas condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario é unha persoa física.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xulgado exclusivo de Vigo, Primeira Instancia nº14, é o que recibiu máis demandas: 741 ata última hora deste venres. A metade delas xa foron tramitadas e as primeiras audiencias previas están sinaladas para o 4 de setembro.

Para o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, “tendo en conta os problemas informáticos iniciais, que agosto é inhábil e que as entidades financeiras están a apurar ao máximo os prazos para contestar ás demandas, pódese dicir que o ritmo de sinalamentos do xulgado exclusivo é moi áxil”. Serrano insistiu en que “é necesario destacar que o volume de entrada actual impón que en breve se interese o desdobramento da medida de reforzo, tal como prevé o acordo do CXPX, dotando de máis persoal ao xulgado”. Ademais, lembrou que está previsto que en setembro se celebre unha reunión de decanos co Consello Xeral para analizar a situación e avaliación da medida.

O pasado 1 de xuño púxose en marcha o plan de urxencia aprobado polo Consello Xeral do Poder Xudicial ante o previsible aumento de litixios sobre cláusulas abusivas en escrituras hipotecarias como consecuencia da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) do 21 de decembro de 2016 en relación coas cláusulas chan.

O plan consiste na especialización de Xulgados de Primeira Instancia -un por provincia na península e un en cada unha das principais illas dos arquipélagos canario e balear-, que desde entón coñecen, de maneira exclusiva e non excluínte, dos litixios relacionados coas accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario sexa unha persoa física.​

También te puede interesar