RGPD - Cookies
Cultura Galicia

O Goberno de Galicia convoca unha nova edición da ‘English Week’ para alumnos de 6º de Primaria e da ESO

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar unha nova edición da ‘English Week’ de outono, unhas estadías dirixidas ao alumnado de 6º de primaria e dos catro cursos da ESO que teñen como obxectivo a mellora das competencias lingüísticas en inglés dos estudantes. Como vén sendo habitual, estas actividades están totalmente subvencionadas polo departamento educativo da Xunta de Galicia, que achega para tal fin un orzamento de 544.500€.

En total poderán participar nestas estadías ata 1.125 alumnas e alumnos. As actividades realizaranse entre os meses de outubro e decembro de 2017.

As estadías desenvolveranse en quendas semanais, de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, e serán supervisadas por monitores. O seu custe, sufragado pola consellería, inclúe os gastos de docencia e o material escolar, as actividades culturais e complementarias dos cursos, os gastos de mantenza e aloxamento, un certificado de realización da actividade e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade  de  inmersión  lingüística  que  lles  permita  mellorar  as  súas  destrezas  de  comprensión  e  expresión  oral  en  lingua  inglesa. Para iso, organizaranse tanto actividades académicas como de tempo libre e obradoiros, de tal forma que se reforce a un tempo o programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas e a convivencia entre eles, promovendo a comunicación en lingua inglesa entre os participantes.

Solicitudes

Cada  centro  poderá  participar  cun  máximo  de  25  estudantes,  todos  do  mesmo nivel educativo. As  solicitudes  deberán  presentarse  preferiblemente  por  vía  electrónica  a  través  do  formulario  normalizado  dispoñible  na  sede  electrónica  da  Xunta  de  Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365). A información pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/linguasestranxeiras .

También te puede interesar