Vigo al minuto

O Concello reparte máis de 2.500 pulseiras identificativas nas praias de Vigo

O alcalde animou aos bañistas a solicitar unha das máis de 2.500 pulseiras das que dispón o Concello nas praias de Vigo. Os pais e nais poden solicitala de balde no centro municipal de coordinación de emerxencias de Samil e en todos os postos de socorrismo dos areais vigueses -en Rodas, Fortiñón, Canido, Vao, Fontaíña, Samil, Argazada, Tombo do Gato e A Punta-.

Abel Caballero explicou que os servizos municipais de salvamento e socorrismo do Concello, en coordinación coa Policía Local, teñen un protocolo de actuación en caso de menores extraviados, e este servizo de pulseiras quere minimizar os tempos de procura dos pais e nais destes nenos e nenas perdidos.

Segundo os datos municipais, desde o 15 de xuño ata o 5 de xullo desde ano, o dispositivo de praias do Concello xa atendeu a 17 menores extraviados. En todo o verán do ano 2014 foron 156 os nenos perdidos, por 114 de 2015 e 90 menores no pasado verán.

En relación ao servizo municipal de verán nas praias, o alcalde informou da adxudicación das cadeiras anfibias, o dispositivo que posibilita o baño para persoas con diversidade funcionale para o que o goberno de Vigo destina 43.000€.

As cadeiras anfibias xa están á disposición dos usuarios en Samil e tamén o estarán desde este sábado, día 8 de xullo, na praia do Vao, dúas en cada un dos areais, e en horario de mañá e tarde. Un equipo formado por un coordinador e catro profesionais atenden aos bañistas que queiran empregar este servizo.

También te puede interesar