Galicia

@depo_es abre o prazo para matricularse na Escola de Cantería

A presidenta da Deputación explicou este venres que dende a institución provincial estase levando a cabo unha ambiciosa campaña de posta en valor da Escola de Cantería, para a cal o prazo de matricula está aberto ata o vindeiro 15 de setembro.

A Deputación de Pontevedra está a iniciar unha campaña de información directa para as mozas e mozos e para os concellos e por outra banda tamén está a levar a cabo unha campaña de comunicación a través dos medios.

A Escola de Cantería da Deputación, que está dirixida a menores de 35 anos que teñan na súa posesión o título de graduado escolar ou remataron o nivel educativo equivalente, de cara o vindeiro curso oferta 25 prazas para formación oficial e 15 para a específica, esta última, dirixida ao alumnado xa formado na escola.

Carmela Silva quixo invitar aos mozos e mozas a matricularse na Escola de Cantería posto que “é unha alternativa interesante con grandes saídas profesionais e que está a ter altos índices de inserción laboral tanto no noso país como no estranxeiro. Como sabedes temos dous ex alumnos que están a traballar na restauración do Capitolio de Washington pero amais temos unha ex alumna traballando na restauración do barrio de Chiado en Lisboa, un grupo de tres ex alumnos e unha ex alumna desenvolveron traballos de restauración e rehabilitación na  Catedral de Santiago, outro grupo de catro ex alumnos atópanse na construción da Sagrada Familia de Barcelona e ata tivemos outro ex alumno na Catedral de Westminster de Londres.”

Desde o ano 1979 a Escola está a ensinar a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración dos traballos en pedra. As persoas que estudan na Escola de Cantería da Deputación reciben unha formación moi completa estudando, ademais de cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción e realizando prácticas de laboratorio e informática.

A formación que o alumnado recibe nesta Escola é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas, están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal.

Por estas razóns a Escola de Cantería está a ter unha importante demanda, tal e como apuntou Carmela Silva, que na rolda de prensa afirmou que coa Escola “estamos a traspasar as nosas fronteiras deixando a nosa pegada en grandes monumentos de todo o mundo. Cada vez son máis as demandas aos nosos alumnos e alumnos. Este bo traballo é o que está a atraer ao alumnado de fóra de Galicia, xa que amais de contar con persoas de tódalas provincias galegas e de moitas comunidades de España.”

También te puede interesar