Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A UCI Pediátrica da Área Sanitaria de Vigo empeza a súa “humanización” abrindo as 24 horas para os pais dos cativos ingresados

A Área Sanitaria de Vigo ven de iniciar a “humanización” da Unidade de Coidados Intensivos de Pediatría, posibilitando a liberdade do acceso á Unidade, sen restricións horarias, aos pais e nais que teñan aos seus fillos ingresados. Isto é: a Unidade estará aberta aos proxenitores de xeito ininterrompido as 24 horas do día. Este acompañamento somentes poderá ser restrinxido por expresa indicación facultativa. 

O director de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña explica “ata agora tiñamos unha Unidade semiaberta, con restricións horarias no acceso dos pais á Sala, marcadas polas necesidades asistenciais. Está constatado que esta limitación a sofren como unha vivencia negativa, tanto no plano emocional como na evolución do tratamento e recuperación. Con esta medida priorizamos aos pacientes e aos seus coidadores, que tamén ingresan cando ingresan aos seus fillos, polo que deben dispor de todas as facilidades para que a súa estadia no centro sexa o máis cómoda posible. Deste xeito ampliase o modelo da UCI neonatal a unha nova área asistencial, coma a UCI pediátrica”-.

Beneficios para pacientes e familiares

É evidente que os familiares desenvolven un papel esencial  durante o ingreso do menor.  Polo tanto, tal e como establece o Plan Estratéxico, tratase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de fraxilidade, contemplando tamén “coidar ao que coida”. 

Entre os beneficios da implicación dos pais e nais no coidado dos seus fillos durante o tratamento poden citarse, entre outros, unha diminución do seu grao de ansiedade, un incremento do nivel  de satisfacción da súa experiencia na UCI, así como unha mellora na relación, comunicación e colaboración das familias cos profesionais.

No momento actual,  a dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) está estudando a extensión deste  mesmo modelo a outras áreas de críticos do Hospital en función das súas características.

900 ingresos anuais

A Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos é un dispositivo asistencial dirixido aos nenos que precisan de coidados críticos. Emprazada no Hospital Álvaro Cunqueiro conta con seis camas e está dotada cun completo equipamento tecnolóxico, con modernos sistemas de ventilación e monitorización, que permiten un rigoroso control das constantes vitais e da actividade cerebral e cardíaca dos pacientes as 24 horas.

O pasado ano, os profesionais desta Unidade atenderon 877 ingresos. As patoloxías máis frecuentes son os politraumatismos, as infeccións respiratorias, os postoperatorios e a aplicación de procedementos de sedación e analsexia previas á realización de determinadas técnicas  invasivas, como endoscopias dixestivas .

También te puede interesar