Deportes

@carmelasilva felicita ao Choco como novo campión da Copa Deputación e agarda pola final feminina que se xogará en Cambados

Carmela Silva felicitou ao Club Deportivo Choco pola súa vitoria como novo campión da Copa Deputación de Pontevedra de fútbol masculino. Silva sinalou “o éxito dunha nova convocatoria da Copa, que amosou dende o primeiro momento ata onte mesmo, coa súa gran final, o alto nivel do fútbol afeccionado da provincia de Pontevedra”.

Na décima Copa Deputación de fútbol afeccionado participaron “un total de 107 equipos de toda a provincia de Pontevedra, 48 na fase de Pontevedra e outros 59 máis na fase de Vigo”, sinalou a Presidenta provincial. Isto, afirmou Carmela Silva, “supón un ano máis un éxito rotundo de participación nunha competición que xa está consolidada no noso territorio e polo que unha importante parte da nosa poboación amosa un grande interese”.

A presidenta da Deputación subliñou que “esa enorme convocatoria que ten o fútbol na nosa provincia non é só de clubs participantes, senón tamén de espectadoras e espectadores. Só hai que ver o grande ambiente que se viviu onte nas gradas desta final”, sinalou Carmela Silva, que asegurou que “esta Copa foi, unha vez máis, un exemplo do grande talento que temos na provincia de Pontevedra no noso fútbol afeccionado e nos equipos locais”.

Silva lembrou que “agora que xa coñecemos ao gañador da competición masculina, quédanos coñecer ás gañadoras da Copa feminina, que disputarán a súa gran final en Cambados, Cidade Europea do Viño 2017, e estou segura de que tamén será un verdadeiro éxito”.

También te puede interesar