Comarcas

@ConcelloNigran mantén o seu proxecto de construir a nova biblioteca pública no centro da vila

O goberno de Nigrán segue adiante coa súa proposta para construir unha nova biblioteca no centro do municipio tras estar exposto o anteproxecto ao público durante un mes na web municipal e non recibir suxestión algunha de cambio por parte da veciñanza, entidades, partidos políticos ou asociacións -prazo que acordara a corporación no Pleno do 27 de abril-.

“Pasado o periodo de exposición sen recibir achegas estamos moi satisfeitos de que se aceptara a nosa proposta ao 100%. Entendemos que cumpre as expectativas dos cidadáns e da corporación e entramos nunha nova fase puramente económica para que as obras comecen neste mesmo mandato. Este é un paso máis”, resume o alcalde, Juan González, quen na súa busca de financiamento xa mantivo un encontro co deputado provincial de Cooperación David Regades no propio espazo en que se vai a construir.

Así, o anteproxecto, que correu a cargo do estudo de arquitectura nigranés Aintegra, prevé un orzamento de execución de 1.226.000€ para os que o goberno xa busca financiación. “Recuriremos a fondos propios e pediremos apoio á Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra”, di González.

A nova biblioteca está prevista nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, frente a rúa do Panasco). Tras meses de estudo e valoración de propostas, entre as que se atopaba a ampliación da existente, rehabilitación das antigas escolas de Cotros ou nova construción neste lugar, o goberno e o persoal técnico do Concello acordaron que esta  é a mellor opción de todas ao permitir partir dun novo edifizo adaptado a tódalas necesidades e atoparse nun lugar céntrico e fácilmente accesible para a veciñanza, tanto en transporte público como privado.

“A actual biblioteca do Ceán está ben pero é certo que se queda pequena para atender a tódalas necesidades dos usuarios xa que carece, por exemplo, de sala de estudo ou espazos polivalentes”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide que a nova servirá tamén “como foco que permita levar adiante actividades culturais e de dinamización da lectura ao tempo que a propia urbanización da parcela porá en valor ese lugar, creando unha praza pública que funcione como punto de encontro da veciñanza, como xa se fixo en Priegue ou A Ramallosa.

O edificio disporá de sala adultos, de estudo, sala infantil, hemeroteca taller e sala de internet cunha capacidade aproximada de 150 usuarios -actualmente a sala de lectura é de 28 postos e a infantil de 12-. Ademáis, o sótano poderá empregarse como uso de garaxe e para as propias instalacións. “Hai que ter en conta que a do Ceán ten 120 metros cadrados, o espazo agora se multiplica dando cabida a máis usos e permitindo unha sala de estudo. Ademáis, permitirá integrar perfectamente o edificio no entorno urbano no que se atopa, xerando un novo espazo exterior de descanso, ocio e, por suposto, de lectura”, incide González.

Paralelamente, Aintegra propón un edificio que cumpla criterios de sostibilidade ambiental, empregando na súa construcción os materiais necesarios que reduzan o aporte enerxético e cun óptimo aproveitamento da luz natural.

Actualmente, a Biblioteca Municipal de Nigrán ten preto de 4.000 socios e recibe máis de 8.000 visitantes cada ano. Para facerse socio tan só é necesario encher unha ficha de inscrición na propia instalación ou ben vía telemática, é de balde e non é necesario estar empadroado en Nigrán para poder gozar dos seus servizos. Conta con 43.800 volumes consultables por Internet no catálogo informatizado en liña.

También te puede interesar