Abel Caballero deu conta este venres do envío dunha carta ao presidente do Goberno de Galicia pedíndolle permiso para reformar os accesos aos institutos de Ensino Secundario Rosais II e República Oriental do Uruguai que «teñen un gravísimo problema de seguridade». O Concello farase cargo da obra de humanización, que ten un orzamento de 250.000€, para resolver os problemas de seguridade que se producen nestes momentos.
Segundo explicou, na entrada e saída dos centros conflúen autobuses e estudantes que chegan a pé nun espazo sen beirarrúas, na propia estrada e sobre o asfalto, algo que para o rexedor é «intolerable e un fallo de seguridade gravísimo». O Concello escribiulle en varias ocasións ao goberno autonómico para que o arranxara pero «non responderon» e «non queremos que siga habendo estes riscos».
O alcalde criticou que o Goberno de Galicia non asuma as súas competencias en Vigo, en materia de educación e de estradas, e que teña que ser o Concello quen se faga cargo destas obras. Como exemplo, citou o investimento municipal de 600.000€ este ano na cubrición dos patios dos colexios Carballal, Virxe do Rocío e Canicouva e o arranxo e ampliación do comedor do CEIP García Barbón, entre outros.
