Vigo al día

O Complexo Sanitario de Vigo reúne este xoves e venres aos mellores especialistas en cancro de páncreas

Especialistas de España e do resto de Europa, entre os que se atopan algunhas eminencias mundiais, daranse cita o xoves e venres desta semana en Baiona, para debater sobre as últimas técnicas para o tratamento cirúrxico do cancro de páncreas.

As xornadas internacionais de Cirurxía Hepato-Bilio-Pancreática (HBP) alcanzan xa a súa terceira edición e nesta ocasión estarán dedicadas exclusivamente á abordaxe deste tipo de tumor. A boa acollida das xornadas nas súas edicións previas animou á perpetuación da súa terceira celebración, que nesta ocasión xa aspira a máis de 120 asistentes.

A reunión está organizada pola Unidade de Cirurxía HBP do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), que dirixe o doutor Enrique Casal e o doutor Fabio Ausania,  coordinador da Unidade de cirurxía HBP é Presidente do Comité Organizador das xornadas.

“O de páncreas é o peor dos tumores desde o punto de vista da supervivencia do paciente e nos últimos anos houbo avances importantes no tratamento cirúrxico desta patoloxía. Por eses motivos decidimos dedicar este ano as xornadas internacionais de Cirurxía HBP exclusivamente a este tipo de cancro e a súa abordaxe cirúrxica”, afirma o doutor Ausania.

Os datos sobre este tipo de tumor son moi clarificadores. Menos do 5% dos enfermos que o padecen vive máis de 5 anos desde que se lle detecta. De feito, o 80 por cento dos casos son xa inoperables no momento do seu diagnóstico.

“A cirurxía é o único procedemento potencialmente curativo para este tumor”, explica o doutor Ausania, que engade: “Con todo tamén é certo que só se poden intervir un de cada cinco casos que se presentan. Debido a todas estas circunstancias, parecía obrigado dedicar as xornadas de xeito monográfico ao tratamento cirúrxico do cancro de páncreas”.

O tumor de páncreas, segundo os datos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica, aumentou a súa incidencia nos últimos anos e chega a superar xa en número de pacientes falecidos ao cáncer de mama.

Obxectivos

As xornadas organizadas pola Unidade de Cirurxía HBP do CHUVI están avaladas pola Asociación Internacional Hepato-Bilio-Pancreática, da que o cirurxián Fabio Ausania é o Secretario Xeral para España, pola Asociación Española de Pancreatoloxía e pola Asociación Española de Cirurxiáns.

Os debates e os relatorios das xornadas internacionais perseguen varios obxectivos sobre os demais, en relación co tratamento cirúrxico do cancro.

En primeiro lugar, a importancia que ten a cirurxía ben feita e coas técnicas e os medios adecuados dada a complexidade deste tipo de intervencións.

En segundo lugar, a dispoñibilidade de elementos necesarios para utilizar técnicas minimamente invasivas nestes doentes, como son a máis sofisticada e xa implementada cirurxía robótica e a cirurxía laparoscópica que, anque moi estendida en outras patoloxías e subespecialidades cirúrxicas, non o é tanto para a cirurxía HBP debido á complexidade da mesma.

O terceiro dos obxectivos é a discusión das distintas posibilidades de tratamento paliativo que axudan a prolongar a supervivencia dunha maioría de doentes que sufren esta patoloxía, non candidatos a un tratamento curativo, destacando técnicas novidosas como a Electroporación Irreversible.

Así mesmo, nesta xuntanza, pretendese a concienciación dos facultativos sobre a necesidade dun tratamento multidisciplinar do paciente.

Expertos

Entre os relatores máis destacados das xornadas atópanse John Neoptolemos, profesor de Cirurxía da Universidade de Liverpool, quen publicou varios dos estudos máis importantes sobre o tratamento do cancro de páncreas; o profesor Ugo Boggi, da Universidade italiana de Pisa, considerado como un dos máximos expertos mundiais en cirurxía robótica do cancro de páncreas e o profesor Massimo Falconi, da Universidade de Milan, quen dedicou toda a súa carreira profesional á investigación da cirurxía pancreática.

Ademais destes ilustres profesionais, as xornadas, tamén contarán con outros especialistas  coma o profesor Menon do King’s College de Londres e o profesor  Meijerink, experto en Electroporación Irreversible, que exerce na Universidade de Ámsterdam, centro no que se formaron o doutor Fabio Ausania e outros especialistas na técnica de electroporación irreversible.

También te puede interesar