Galicia

Marzo foi un mes marcado por cambios meteorolóxicos acusados que o definen coma cálido e húmido

O mes de marzo estivo caracterizado por unha rápida e acusada variabilidade entre as baixas presións, con chegada de aire frío do Atlántico norte, e as altas, acompañadas de aire procedente do norte de África.

En xeral, en toda Galicia as temperaturas estiveron por riba da media, mentres que en chuvia resultou húmido aínda que preto do rango normal, con lixeiros excesos en puntos de Pontevedra, A Coruña e metade norte de Lugo e déficits nas áreas máis continentais.

Os primeiros seis días do mes estiveron dominados pola chegada de borrascas dende o Atlántico norte, deixando paso desde a sétima xornada a un anticiclón, que arrastrou aire cálido procedente no norte de África, este foi o primeiro dos cambios bruscos.

O segundo rexistrouse nas xornadas do 11 e 12 coa entrada dunha nova borrasca con aire frío, baixando a cota de neve ata o 1.000 metros e rexistrándose precipitacións en toda Galicia nesa xornada.

A partir da xornada 13 achegouse un novo anticiclón, que se mantivo ata o día 20 coa chegada do primeiro sistema frontal que deixou chuvias xeneralizadas e xornadas nas que a cota de neve foi subindo progresivamente e a inestabilidade seguiu sendo a nota predominante.

Na derradeira semana do mes, entre o 27 e o 31, a meteoroloxía de Galicia estivo dominada pola presenza dunha borrasca profunda, localizada entre Terranova e Irlanda, pero que soamente collía a Galicia no límite sur de seu radio de acción.

En relación coa temperaturas, estas foron cambiantes durante todo o mes, con valores moi elevados na parte central do mesmo, superándose nalgúns momentos os 30ºC no interior -como se rexistro na xornada do día 10; fronte aos episodios de frío intenso, particularmente nas xornadas do 22, 23 e 24 de marzo, onde se acadaron valores inferiores aos -5ºC en puntos da provincia de Ourense.

Por último, en canto as precipitacións estiveron principalmente concentradas nos primeiros e derradeiros días do mes co paso de sistemas frontais moi activos. Concretamente, os días 3, 22 e 23 foron nos que en xeral se rexistraron os maiores valores.

A chuvia media no mes de marzo obtida a partir dos valores do mapa foi de 125 L/m2. Os valores máis altos, por riba dos 200 l/m2, acadáronse no interior e norte de Pontevedra e no suroeste de A Coruña. Os valores máis baixos no leste de Ourense e en Verín, con valores inferiores aos 40 L/m2.

También te puede interesar