Comarcas

Segue aberto o prazo para a presentación de solicitudes ao programa Depo en Marcha

Ata o vindiero martes, día 21, está aberto o prazo para presentar as solicitudes ao programa “Depo en marcha”, da Deputación de Pontevedra, que está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que desenvolven diferentes actuacións e traballos no eido das persoas maiores.

Este programa ten por finalidade favorecer o envellecemento activo a través de distintos obradoiros, optimizando as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias e a súa independencia para evitar o illamento e as situacións de soidade.

Cada obradoiro terá unha duración de 30 horas e para a súa realización, antes do inicio, cada entidade acreditará que o 70 % do alumnado ten 50 anos ou máis e que conta cun mínimo de  15 persoas participantes.

En función da acción formativa as persoas participantes deberán achegar o material recollido no catálogo como “Materiais que levará o alumnado”. Cada obradoiro terá un custo de 6€ por persoa.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou  que o ano pasado participaron no programa preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra.

También te puede interesar