Galicia

@galizaCIG convoca mobilizacións en toda Galicia par aconmemorar o ‘Día da Clase Obreira Galega’

Con mobilizacións en Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Compostela e Cee conmemorará a CIG este 10 de marzo, ‘Día da Clase Obreira Galega’. Unha data reivindicativa na que a central sindical dá continuidade á campaña posta en marcha xa no mes de decembro e que se desenvolverá baixo o lema “2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos”.

As mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega serán en Vigo: manifestación dende o cruce da Dobrada ás 20.00 horas; Ferrol: ofrenda floral no monumento 10 de Marzo ás 12.00 horas e manifestación dende o local da CIG (Avenida de Esteiro) ás 20.00 horas; Lugo: manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla) ás 20.00 horas; Ourense: manifestación dende a Subdelegación do Goberno ás 19.30 horas até a Praza Maior; Vilagarcía: concentración na Praza de Galiza ás 20.00 horas; Pontevedra: concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas; Santiago: manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas; A Coruña: manifestación dende a fábrica de Brens (Cee) ás 19.30 horas até a Praza do Concello.

A central nacionalista subliña que “nestes últimos anos, os efectos das reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do PP, afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo. A pobreza hoxe está relacionada co traballo en precariedade”.

Ao seu xuizo, principalmente, a reforma laboral do ano 2012 do PP está causando estragos nos dereitos laborais “conquistados en tantos anos de loita”. A precariedade hoxe, indica, significa as facilidades no despedimento, a contratación temporal, parcial, as ETT… “Todo isto permite que as empresas obriguen a traballar máis horas sen pagar e baixen ilegalmente os salarios dos convenios. En definitiva para nós, traballarmos máis e cobrarmos menos. Esta era o obxectivo da reforma laboral do PP”.

“Hoxe sabemos que o Estado español é o único caso no que a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%. Contrariamente, no resto da UE os salarios subiron por encima do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en Portugal. Os salarios que perdemos, que “nos roubaron” en tan pouco tempo, pasaron a mans dos ricos (o capital), que incrementaron a súa riqueza neste mesmo período en máis do 18%”.

También te puede interesar