Vigo al día

A Asociacion Veciñal de Teis pide que a AP-9 sexa vía urbana dende as Torres de Padín e non so dende Bos Aires

A Asociación Veciñal de Teis dirixiuse por carta ao Ministro de Fomento e a conselleira de Infraestruturas –á que solicitan unha xuntanza-para trasladarlle a demanda de converter en vía urbana a AP-9 no tramo de aceso a Vigo.

A Asociación Veciñal de Teis lembra que sempre defendeu converter en vía urbana a AP-9 no treito cara o centro da cidade, “isto permitiría mellorar as comunicacións no barrio de Teis e desconxestionar a rúa Sanjurjo Badía, que ten un elevado paso de vehículos ao non existir unha vía alternativa”.

En todo caso, a asociación vecinal entende que a vía urbana “deberá ser desde onde comeza o termo municipal de Vigo, dende as Torres de Padín e non limitalo só desde a avenida de Bos Aires, como defende o alcalde”.

Ao seu xuizo, a vía urbana só desde Buenos Aires, sería unha actuación incompleta para mellorar as comunicacións no barrio de Teis, tendo en conta que nas Torres Padín, hai un no de comunicacións e pódense realizar outras actuacións, “como por exemplo unha saída da autoestrada desde o tramo de Puxeiros”.

A Asociación Veciñal de Teis, considera, ademáis, necesario eliminar a peaxe no tramo Rande-Vigo, “despois de 35 anos desde a apertura da AP-9, seguimos pagando por este tramo que forma parte do aceso á cidade,cando outras cidades galegas carecen de peaxe nos seus acesos”.

Por último, a asociación adianta que vai comezar unha rolda de contactos cos partidos políticos con representación, para expor a súa posición sobre a AP-9.

También te puede interesar