Galicia

1.233 persoas participarán nas oposicións a 20 prazas de axentes de gardacostas e 16 das escalas de finanzas da Xunta

ARCHIVO

1.233 persoas participarán nas oposicións a 20 prazas de axentes de gardacostas e 16 das escalas de finanzas da Xunta de Galicia, segundo as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas nestes procesos selectivos publicadas este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O DOG recolle as resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para o ingreso no corpo superior de administración, escala superior de finanzas (A1); no corpo de xestión de administración, escala técnica de finanzas (A2); e no corpo de axudantes facultativos, escala de axentes de Servizo de Gardacostas (C1).

As convocatorias destes procesos selectivos publicáronse no DOG dos días 15, 19 e 27 de decembro de 2016 respectivamente. Para a escala superior de finanzas, convocáronse 8 prazas, con 135 persoas admitidas e 17 excluídas. Para a escala técnica de finanzas, convocáronse tamén 8 prazas, con 398 aspirantes admitidos e 26 excluídos. E finalmente, para a escala de gardacostas, convocáronse un total de 20 prazas, con 700 admitidos e 131 excluídos.

As relacións de persoas admitidas nestes procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG de hoxe e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Os aspirantes excluídos, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados dende mañá para reclamar ou achegar a documentación precisa.

Coa cobertura destas 16 prazas pertencentes ás escalas superior e técnica de finanzas, a Xunta de Galicia reforzará eidos prioritarios coma o de inspección, control das finanzas públicas e a loita contra a fraude fiscal.

Pola súa banda, os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia –adscrito á Consellería do Mar– teñen entre outras, as funcións de custodiar, protexer, vixiar e defender os recursos mariños de Galicia e controlar o aproveitamento destes recursos, así como vixiar e previr a contaminación mariña, participando nas tarefas de eliminación.

También te puede interesar