Comarcas

@depo_es inicia este venres os actos da Conmemoración do 180 Aniversario do Nacemento de Rosalía

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, presentaron esta mañá os actos de conmemoración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que a partir deste ano se realizarán na Deputación de xeito sistemático. Leal explicou que o grupo provincial do BNG presentará mañá no Pleno da Deputación unha moción que se aprobará pola unanimidade dos grupos provinciais para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía.

A moción implica o compromiso do ente provincial para apoiar aos concellos da provincia nas actividades de conmemoración deste día, e a celebración dunha lectura pública da obra rosaliana. “Queremos dignificar e reivindicar a figura de Rosalía dende a propia institución, por iso este venres faremos un acto simbólico con todos os grupos da Corporación antes da aprobación da moción no Pleno. Trátase  dun acto que se vai institucionalizar e que cada ano teña maior variedade”, subliñou o deputado.

Para o acto de mañá, o departamento de Cultura -que xa celebrara o pasado ano unha lectura pública no Sexto Edifico do Museo, na sala que alberga a obra do fillo da autora, Ovidio Murguía de Castro-, promove  unha lectura no Pazo provincial (ás 11.30 horas) na que participarán representantes de toda a corporación e a autora Elena Gallego, membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.  Así, representando ao grupo provincial do BNG lerán fragmentos da obra rosaliana Eva Vilaverde e Xosé Leal, que será o encargado de abrir a lectura. Representando ao grupo provincial do PP participarán Nidia Arévalo e Ángel Moldes, e en nome do grupo provincial do PSOE participarán David Regades e a presidenta da institución, Carmela Silva, que será a encargada de pechar o acto.

Ademais da lectura pública, e seguindo a recomendación da AELG de contribuír á conmemoración desta data agasallando un libro e unha flor, a todas as persoas que asistan á lectura e que se acheguen ao Pazo provincial durante a xornada de mañá se lles entregará un libro da colección Cíes -a colección de poesía da Editorial do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial-, e unha camelia do cultivar ‘Rosalía de Castro’ procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Neste sentido, a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, sinalou que a camelia é a flor máis axeitada para regalar mañá.

“Nun acto tan reivindicativo como é o Día de Rosalía non hai nada máis simbólico que agasallar con esta flor, porque Rosalía de Castro non deixa de ser a poeta máis representativa deste país e a camelia estase a convertir na flor máis representativa de Galiza… Xa case é a flor nacional de Galiza”, dixo.

Vilaverde explicou as características do cultivar que leva o nome da escritora galega, asegurando que se descubriu en Portugal como resultado dun cruzamento entre unha xapónica e unha reticulata e que ten floración case en todo ano. Unha vez bautizado este cultivar foi plantado por primeira vez na Casa da Matanza de Padrón e agora a Deputación ten exemplares na Estación Fitopatolóxica da Areeiro e no Castelo de Soutomaior.

Para o acto de mañá venres tamén se exporán dúas reproducións de fotografías de Xurxo Lobato pertencentes á mostra ‘Airiños aires, Rosalía’ recentemente exposta no Museo de Pontevedra. Escolléronse dúas fotografías que inciden de xeito específico na imaxe actualizada de Rosalía, en referencia á como a súa iconografía se adapta aos tempos e pervive ao longo da historia.

Durante o pleno, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, dará lectura ao Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escrito, nesta edición, por Ledicia Costas.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.