Máis de 600 traballadores dos servizos de loita contra o lume da @Xunta reincorpóranse o día 1 de marzo

O vindeiro día 1 de marzo farase efectiva a reincorporación dos traballadores fixos discontinuos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta. A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ás organizacións sindicais representativas destes empregados o reinicio da súa actividade na devandita data, para que estas, á súa vez, trasladen a información aos seus afiliados. Faise coa debida antelación de cando menos quince días antes da volta efectiva ao servizo activo destes empregados públicos.

Esta medida adóptase todos os anos antes da chegada da primavera, de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas presentes e previstas, afectando a un total de 621 prazas do servizo. Son empregados de 9 meses que volven ao servizo activo e que polo tanto permanecerán nel ata o vindeiro 30 de novembro.

Trátase de bombeiros forestais, nas categorías de xefes de brigada, peóns, peóns condutores, oficiais de defensa contra incendios, condutores de motobomba, emisoristas e vixilantes, que veñen reforzar os traballos de prevención e loita contra os incendios forestais antes de iniciarse a precampaña de lumes da primavera.

También te puede interesar