Vigo al día

@depo_es abre o prazo para que 52 concellos de menos de 20.000 habitantes soliciten o financiamento de Servizos Sociais

A partir deste luns 6 de febreiro, e ata o vindeiro venres 24, os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia xa poden solicitar as axudas aprobadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do ‘Plan de cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para o ano 2017’. Este prazo de 15 días hábiles ábrese despois de que este venres se publicase o extracto da convocatoria do Plan no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, unha vez aprobadas as súas bases na Xunta de Goberno do pasado 23 de xaneiro.

Esta actuación do Servizo de Cohesión Social e Xuventude ten como obxectivo axudar ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes para que poidan prestar estes servizos, concretamente a través do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), da contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios básicos, tamén persoal administrativo e, ademais, o servizo de Educación Familiar.

Este ano esta actuación recibe 2.215.035,33 €, o que supón o maior reparto inicial económico deste Plan da Deputación de Pontevedra, superando nun 2% o reparto inicial do exercicio anterior. Malia a iso, esta cantidade podería aumentar máis ao longo do ano en caso de haber máis fondos dispoñibles. De feito, a finais do ano 2016 esta partida, concretamente en canto ao financiamento do SAF, aumentou en 160.000€. 

Cada un dos 52 os concellos da provincia que se poden beneficiar deste plan pode optar ás contías máximas que se lle teñen asignadas tanto no módulo do SAF -dun total de 1.226.000 €- como no de persoal -dun total de 989.000 €-. As solicitudes pódense presentar a través dun formulario que se atopará a partires do luns na páxina web www.depo.gal.

A través do Servizo de Axuda no Fogar, préstaselles atención ás persoas maiores con déficit de autonomía e ás persoas con diversidade funcional, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato. Tamén dá unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social. Pola súa banda, o servizo de Educación e Apoio Familiar integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección.

Tamén busca promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares e a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

También te puede interesar