Galicia

190 centros da provincia de Pontevedra desenvolverán a iniciativa de ‘Contratos-Programa’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2016/17, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 190 centros públicos da provincia de Pontevedra beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar, un 9% máis ca no curso anterior. En total poranse en marcha 434 iniciativas diferentes.

Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento , ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1, para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural  (antigo programa PROA). Un total de 147 centros educativos desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 102 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes, con 138.

No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e na promoción da igualdade, participarán nela un total de 73 centros; mentres que na cuarta, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, contará coa participación de 8 centros.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 55 (case o dobre respecto di curso anterior) e 13 centros educativos públicos, respectivamente.

No conxunto de Galicia serán 416 os centros que desenvolvan contratos-programas, do que se beneficiarán 104.424 alumnos, 9 veces máis ca hai 6 cursos.

También te puede interesar