Comarcas Vigo al minuto

@depo_es pon en marcha o Plan de Práctica Laboral con 162 bolsas de emprego en 59 concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha unha nova edición do Plan de Práctica Laboral no propio organismo provincial e concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, a través do cal porá á disposición destes 59 concellos da provincia un total de 162 bolsas de práctica laboral que recibirán unha remuneración de entre 700€ -formación profesional- e 800€ -titulacións universitarias- ao mes, durante un período de seis meses renovables por outros seis.

Os concellos que queiran optar a estas bolsas terán un período de presentación de solicitudes dende o 1 de febreiro ata o 9 de febreiro, para o que deberán realizar unha preinscrición a través da páxina web www.depo.gal e presentar o xustificante electrónico, xunto coa documentación solicitada, no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra e demais canles contempladas na lexislación.

A distribución das bolsas por concello efectuarase segundo o seu número de habitantes, de xeito que os 23 concellos de ata 5.000 habitantes e os 14 de entre 5.001 e 10.000 disporán de 2 bolsas cada un e, os oito de entre 10.0001 e 15.000 mailos 14 de entre  15.001 e 50.000 habitantes terán á súa disposición 4 prazas cada un.

O Plan de Práctica Laboral nos servizos da Deputación e os concellos da provincia para o ano 2017 volve contar con outras 200 prazas, 162 delas nos concellos de menos de 50.000 habitantes e, as 38 restantes, nos servizos da institución provincial. Con este programa de promoción do emprego, búscase que as mozas e mozos da provincia, tituladas e titulados universitarios e de formación profesional sen experiencia previa no ámbito da súa formación, teñan maiores facilidades para atopar o seu primeiro emprego, promovendo que poidan completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo.

Ao igual que na edición do ano pasado, a Deputación asume o financiamento total do Plan -ademais da distribución, asignación, selección e adxudicación das bolsas- e serán os concellos os encargados de desenvolver un proxecto ou programa formativo que permitirá aos bolseiros e bolseiras adquirir competencias que melloren a súa empregabilidade.

Ademais, os concellos asumen determinadas obrigas como a de facerse cargo da xestión, coordinación e seguimento das prácticas, designar a unha persoa titora, controlar o cumprimento do horario, garantir unha protección eficaz en seguridade e saúde, subscribir un seguro de responsabilidade civil complementario ao da institución provincial ou conceder dous días hábiles ao mes de descanso, entre outros.

También te puede interesar