RGPD - Cookies
Comarcas

@ConcelloNigran presenta en #FITUR2017 unha guía do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola vila

O Concello de Nigrán, de mans do seu alcalde Juan González e a edil de Turismo, Ana Pérez, presentou este xoves en Fitur o seu último deseño de material turístico, relativo ao paso do Camiño Portugués pola costa pola vila, ruta que dende a Deputación de Pontevedra se está a promocionar  nesta Feira Internacional de Turismo en Madrid. Os tres alcaldes do Val Miñor uniron forzas neste evento para tratar de impulsar este Camiño.

“Queremos que se difunda porque non só ten un valor cultural e patrimonial incalculable senón que, ademais, supón un activo máis para o turismo en Nigrán e en todo o Sur da provincia de Pontevedra. É un Camiño que axuda a desestacionalizar o turismo, que é sostible, protexe a nosa historia, respecta o medio ambiente… Todo é positivo e a súa presencia en Fitur supón un empurrón máis”, indica  Juan González.

Dende o goberno local se quere potenciar ao máximo esta ruta que atravesa 15 municipios costeiros das Rías Baixas. “O aumento de peregrinos notouse dende a súa declaración como oficial o ano pasado e agora hai que sacarlle partido, polo que precisamos coordinarnos tódolos concellos implicados para traballar conxuntamente e, como exemplo, facer guías-mapa unitarias», finaliza González.

O material informativo que presenta Nigrán foi feito pola empresa «Estela, Arqueoloxía e Patrimonio». Nel se fai un resumo de que é e significa este Camiño e se sinalan os diferentes puntos de interese ou monumentos no seu percorrido por Nigrán -aparece tanto o camiño oficial, que realmente vai polo interior do municipio, como a súa variante non oficial pola costa nigranesa-. A súa vez, «Estela, Arqueoloxía e Patrimonio» mostra en Fitur o vídeo documental que elaborou para as xornadas das illas Estelas-Monteferro-Panxón, espazo que o Concello tamén quere promocionar.

También te puede interesar