O ‘culebrón’ o transporte metropolitano non remata: o venres o alcalde afirmaba que non hai diferencias entre a proposta do Goberno local e o que pide o Partido Popular, e que todo é un problema técnico que foi politizado polo presidente Feijóo para acabar coa Área Metropolitana.
Dende a Xunta respostaron que Vitrasa non entregara o segundo dos software necesarios para cobrar aos viaxeiros, ainda que xa non se falaba, para nada do prezo do billete. Vitrasa sinalou que a empresa ESYCSA-ETRA – encargada de desenvolver o seu software- “reafírmase en que o próximo día 18 de xaneiro terá dispoñible a aplicación definitiva, momento no que dariamos por terminados todos os axustes pendentes”.
A empresa engadía que “dada a premura, pedimos de maneira reiterada durante os últimos días á empresa contratada pola Xunta que nos enviase o documento de Probas Actualizado para o Transporte Urbano de Vigo, imprescindible para avanzar no proceso”
Até este momento, subliña Vitrasa, “ESYCSA-ETRA foi incorporando todas as correccións de ABANCA producidas coa lectura da TMG -cartón do Transporte Metropolitano da Xunta- para corrixir posibles fallos detectados no programa. A día de hoxe seguimos esperando que nos confirmen a corrección das últimas deficiencias. Sen esa ratificación non se pode avanzar no proceso”.
Por iso, remata, “tan pronto como a Xunta nos confirme a corrección das últimas deficiencias, Vitrasa estará en condicións de comezar a próxima semana as probas finais”.