Cultura

Os galegos xa poden pedir que a Xunta lles envíe notificacións en formato electrónico polo sistema ‘Notific@’

A Xunta de Galicia pon á disposición dos cidadáns o sistema de notificacións electrónicas Notific@, que permite o envío de “notificacións fidedignas con acuse de recibo e selo electrónico da Xunta”, que confirma tanto o acceso como o rexeitamento da notificación.

A implantación deste servizo é un dos requirimentos da lei 30/2015, que entrou en vigor o pasado 2 de outubro e que  establece a obrigatoriedade de relacionarse de xeito electrónico coa Administración para determinados colectivos -persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais con colexiación obrigatoria e empregados públicos-.

Aquelas persoas que non teñen esta obriga poden seleccionar o medio de notificación preferente, ben a través de Notifica.gal ou vía postal. Con independencia da opción elixida a Administración creará sempre de oficio un enderezo habilitado en Notific@ para que poida optar por esta vía cando o desexe.

Notifica.gal funciona como un enderezo electrónico. O usuario só ten que darse de alta, ben a través do formulario de iniciación do procedemento administrativo correspondente ou en calquera momento a través do propio sistema https://notifica.xunta.gal/, que está accesible desde a web da Xunta.

Unha vez completado este paso, o receptor da notificación ten en Notifica.gal un buzón electrónico asociado ao seu NIF ou certificado electrónico e alí poderá consultar a comunicacións recibidas. Previamente, recibirá un aviso de que ten unha notificación pendente no móbil ou correo electrónico que indicara durante a alta.

Así mesmo, pode autorizar a calquera outra persoa a acceder ao contido das súas notificacións a través da opción Administrar Autorizacións dentro de “As Miñas Opcións”.

A Administración autonómica vén traballando no desenvolvemento deste sistema desde hai un ano, rexistrando máis de 26.000 notificacións electrónicas de 20 procedementos ao longo de 2016. A día de hoxe hai xa 290 procedementos habilitados con este sistema e progresivamente activarase nos restantes procedementos incluídos na Guía de Procedementos e Servizos da Xunta que requiren de notificación. Ademais, estase a traballar na catalogación, codificación e habilitación da notificación daqueles procedementos a instancia de parte ou de oficio que actualmente non están incorporados na guía.

A implantación de Notific@ vai acompañada dun programa formativo para os empregados públicos das unidades tramitadoras. Xa se formaron preto de 500 usuarios dos servizos centrais e das delegacións e as xornadas formativas continuarán ao longo do primeiro trimestre de 2017, ademais incorporaranse ao programa formativo da EGAP contidos teóricos e prácticos sobre a notificación electrónica.

También te puede interesar