Ciencia y Tecnología

A Academia Galega de Ciencias premia un revolucionario método exprés de detección de anisakis

O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2016 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, describe un innovador método de detección do parásito anisakis no peixe fresco, moi demandado pola industria pesqueira e polas autoridades de inspección alimentaria. O equipo galardoado forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten en Vigo.

O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para Silvia Barja, unha científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O elevado nivel das candidaturas levou nesta ocasión ao xurado a distinguir a maiores con senllas mencións honoríficas outros dous traballos realizados por matemáticos e químicos da Universidade de Santiago (USC).

Na pescada, no xurelo e ata no calamar

O equipo do IIM, formado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e María Isabel Medina, propón unha solución ao importante problema que representa o anisakis para unha industria estratéxica en toda Europa, e moi especialmente en Galicia.

Os produtos do mar galegos son líderes no mercado español, no que, segundo a consultora Nielsen, se investiron 8.000 millóns de euros da cesta da compra só en 2015. O peixe fresco representa o 63% de toda a cesta de produtos do mar, na que o parásito anisakis ten unha presenza moi preocupante para os consumidores, a industria pesqueira e a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, que veñen demandando maiores esforzos de investigación para solucionar o problema.

Atendendo a este requerimento, o equipo do IIM realizou unha investigación que derivou no deseño dun novo método de control rápido e específico para a detección de diferentes especies deste parásito, utilizando a espectrometría de masas aplicada á proteómica (análise de proteínas a gran escala). Este método supera as limitacións dos propostos ata o de agora, demasiado laboriosos e lentos ou incapaces de cubrir diferentes especies. En menos de dúas horas, é capaz de detectar as variedades de anisakis máis comúns, revelándose así como unha solución eficaz para que a industria pesqueira poida garantir a seguridade dunha ampla gama de produtos, xa que este parásito está presente en especies tan comerciais como a pescada, o bacalao, o xurelo, a xarda ou o calamar. Para realizar a investigación, o equipo utilizou mostras de anisakis procedentes da Unidade Técnica de Biobanco de Parásitos do IIM.

A maioría dos casos de infección por anisakis en humanos ocorren en Xapón, España, Italia, Sudamérica e Estados Unidos, ainda que a anisakidose se considera unha enfermidade infradiagnosticada e infradeclarada.  

Control da obesidade

O premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos, é para Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS. Os seus estudos conclúen que unha dieta alta en graxa diminúe a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

O traballo forma parte da tese doutoral de Barja, dirixida por Luisa Maria Seoane, Rosaura Leis e Felipe Casanueva e foi publicado pola prestixiosa revista científica Scientific Reports e presentado no Congreso da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade. Con el, ábrese unha nova vía para abordar o problema do sobrepeso de carácter grave, que está considerado a epidemia do século XXI e que se está manifestando de maneira cada vez máis preocupante desde a infancia.

También te puede interesar