Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A Unidade de VIH de Vigo leva atendidos 4.000 pacientes dende a súa creación

vih-1_opt

O Día Mundial da Loita contra a SIDA tivo no Hospital Álvaro Cunqueiro unha connotación especial. O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, asinou un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación Galega de Afectados polo VIH (AGAVIH), Cándida Álvarez para a execución dun programa de prevención e promoción da saúde a través da educación por “pares” no ámbito hospitalario.

O obxectivo do convenio é a mellora da calidade de vida da persoa que convive co VIH, a súa familia e a contorna máis próxima ao longo do proceso da enfermidade.

O acordo ten vixencia por un ano coa vontade de renovación e do mesmo poderán beneficiarse aqueles pacientes con VIH que son atendidos na EOXI de Vigo.

O Programa Pares consiste na interacción entre a persoa infectada con VIH e outra que , por haber estado infectada, coñece perfectamente as sensacións e vivencias que pode ter o paciente, co que a comprensión entre ambos resulta de especial importancia para o apoio durante o proceso da enfermidade no que se refire ao compoñente psicosocial.

Os voluntarios que prestarán o servizo serán contratados a través da Asociación, mentres a EOXI achegará as infraestruturas necesarias para desenvolver o progama.

A Unidade de VIH, dependente do Servizo de Medicina Interna, foi creada hai 26 anos no  antigo Hospital Xeral e, durante ese período de tempo, atendeu a máis de 4.000 pacientes. Na actualidade diagnostica entre 50 e 60 novos casos ao ano de SIDA na área sanitaria viguesa.

O perfil do paciente mudou co paso dos anos. No momento actual, a gran maioría dos novos casos diagnosticados prodúcense por contaxio sexual debido a relacións de risco e os casos de contaxio por drogodependencias son moi escasos nos últimos anos.

También te puede interesar