RGPD - Cookies
Deportes Vigo al día

O novo equipo UVigo Motorsport ultima o deseño do monopraza co que volverá a competir nos circuítos internacionais

motorsport1

Os 28 alumnos e alumnas que forman parte do equipo de UVigo Motorsport xa están a traballar a pleno rendemento. A primeira e única agrupación galega que participa na competición internacional Formula Student atópase finalizando a fase de deseño do monopraza co que este ano participarán nos circuítos de Montmelo e Hockenheim, «o máis prestixioso e ao que todas as universidades do mundo queren acudir», segundo Pedro Cuesta, responsable de Marketing e Comunicación do equipo.

Para esta tempada, o equipo integrado por alumnas e alumnos da Escola de Enxeñería Industrial e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas xa ten os planos do novo vehículo, aínda que non son os definitivos, pero traballan para telos rematados este mes confirma.

Esta tempada o avance máis significativo será o motor, xa que deixan de lado o Aprilia SXV de 450cc para pasar a un Kawasaki ER6 de 650cc, co obxectivo de acadar máis potencia e fiabilidade na competición. As e os integrantes do equipo tamén traballan en conseguir melloras substanciais na aerodinámica do monopraza, así como no seu sistema electrónico e dinámico.

motorsport2

Un equipo multidisciplinar e autónomo con aprendizaxe fóra da aula

O novo equipo de UVigo Motorsport traballa de maneira autónoma, sen supervisión de docentes. «Organizámonos semanalmente mediante reunións xerais e técnicas para distribuír o traballo e avanzar, respectando sempre os horarios de clases e o traballo que levamos das aulas para a casa», salienta Pedro Cuesta. Confesa que traballan cun sistema de OKR – Objectives and Key Results -(obxectivos e resultados clave) usado por Google e ademais teñen instaurado un sistema de traspaso de coñecemento, no que pasan primeiro por un ano de formación e logo por un segundo de ensino, polo que inda que cada ano buscan sumar caras novas están «nunha constante aprendizaxe».

También te puede interesar