Destacados Vigo al minuto

O BNG propón crear dúas liñas de autobús para conectar Teis e Navia co hospital

vitrasa1

O BNG vén de demandar a creación de dúas liñas de autobús directas que conecten os barrios de Teis e de Navia-Coia co hospital Álvaro Cunqueiro, xa que na actualidade contan cunha “pésima conexión”. Esta medida é unha das seis que integran a proposta do grupo municipal para mellorar a conexión co hospital, que trasladarán ao movemento veciñal da cidade nun encontro aberto que realizarán na sede da Federación de Veciños.

Para os nacionalistas as actuais liñas e frecuencias ofertadas son “absolutamente insuficientes” para atender a demanda veciñal e “deixan importantes áreas da cidade sen un servizo esencial”. “Temos unha liña H pantasma, que só fai unha viaxe por día de luns a venres, unha liña H1 con buses cada hora só de luns a venres e unha liña H2 moi mellorábel”, resumía o portavoz, Serafín Otero, enfatizando na gravidade de que zonas tan poboadas da cidade como os barrios de Teis, Navia ou Coia, carezan dunha conexión directa.

Esta proposta-base contrastarase coas asociacións veciñais e coa propia Favex para recoller achegas e propostas que permitan “perfilar a súa alternativa”. Xunto coa creación de dúas novas liñas-lanzadeira, tamén propoñen a reformulación da liña H para mellorar a conexión de Coia, Bouzas e rúa Coruña, con frecuencias equivalentes ás das demais liñas; aumentar as frecuencias en todas as liñas, as existentes e as novas, para asegurar un mínimo dun bus cada 20 minutos no horario de maior demanda e cada 30 minutos no resto do día; que todas as liñas operen en fin de semana e festivos cunha frecuencia mínima de 45 minutos; que a Praza de América e a Praza de España funcionen como nodo de conexión, mellorando a frecuencia e a cadencia horaria doutras liñas para desta maneira permitir o transbordo nun tempo razoable e mellorando a conexión de zonas como Lavadores, A Salgueira ou o ensanche de Gran Vía; e estudar a mellora da conexión das parroquias do cinturón periurbano (rural) e o litoral co Álvaro Cunqueiro, mesmo coa creación de novas lanzadeiras ou a posta en marcha dun circular.

También te puede interesar