RGPD - Cookies

A Xunta abre este luns, día 31, a Bolsa de Emprego para contratar persoal de cara ás vacacións de Nadal

asistente-cocinaA Xunta de Galicia abrirá este luns, día 31 de outubro, o prazo de inscrición na bolsa de emprego temporal da Administración galega en dúas listas: a de Camareiro-Limpador, Axudante de Cociña e outras categorías (lista V-001) e a de Xefe de cociña (lista III-014). Isto permitirá facer contratacións temporais na época do nadal para poder substituír os empregados públicos durante as súas vacacións.

O prazo de inscrición nas dúas listas estará aberto ata o 8 de novembro, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública que se publicará no Diario Oficial de Galicia de mañá.

Para inscribirse nas listas é preciso cumprir os requisitos de titulación: para a lista de camareiro-limpador e axudante de cociña esíxese certificado de escolaridade e celga 2; e para a lista de xefe de cociña é requisito posuír a titulación de técnico superior de restauración e celga 4.

Todas as persoas interesadas en formar parte destas listas poderán solicitar a súa inscrición no prazo de referencia, e para iso deberán presentar a instancia conforme ao modelo que se incluirá na web da Xunta no apartado de Listas de Contratación. As persoas que xa están nestas listas non é preciso que se anoten de novo.

Os traballadores seleccionados farán o seu labor principalmente en residencias de maiores, centros de atención a persoas con discapacidade, escolas infantís e centros de menores, centros de educación infantil e primaria con servizo de comedor en réxime de xestión directa e centros de educación con internado.

Nos tres últimos anos tense producido un incremento das contratacións nestas dúas listas. De feito, no ano 2015 a Xunta realizou 1.636 contratacións de persoal camareiro-limpador, axudante de cociña e xefe de cociña, un 30% máis que no ano 2013. Hai que ter en conta que nas pasadas vacacións de verán esgotáronse as listas.

O acceso ao emprego temporal na Administración galega realízase a través da contratación temporal de persoal laboral. As persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde de prelación dos aspirantes –cuxas solicitudes se engaden ás xa existentes- vén determinada pola suma de puntuacións atribuídas aos seus méritos.

También te puede interesar