Ciencia y Tecnología

A pegada de carbono da @UVigo reduciuse un 7,7% en 2015

pegada-ecoloxica-uvigo

Fixar as emisións de CO₂ que a Universidade de Vigo emite á atmosfera precisaría de 3.791 hectáreas de bosque, xa que a pegada ecolóxica da institución é de 0,176 hectáreas por persoa e ano. Estas cifras recollidas no informe anual da Oficina de Medio Ambiente da Universidade amosan que as emisións de CO₂ á atmosfera derivadas da actividade dos tres campus reducíronse nun 7,7% respecto a 2014, pasando de 21.397 a 19.749 Tm.

O obxectivo desta publicación é avaliar as emisións de gases de efecto invernadoiro derivados das actividades da Universidade e as causas que as producen, para chegar así a coñecer a pegada de carbono, iniciativa que pon de manifesto o compromiso da institución para a redución destas emisións e a mellora enerxética.

A mobilidade, principal fonte de emisión

A mobilidade segue a ser a principal fonte de emisións, case o 50% do total da institución. Polo tanto, calquera variación nos número de desprazamentos ou nos hábitos de transporte da comunidade universitaria xera cambios determinantes na pegada de carbono da Universidade. De feito, as cifras de maiores de emisións producíronse en 2008, 2009 e 2011, coincidindo coa anos de maior número de usuarios dos tres campus.

Das 19.749 Tm de CO₂ emitidas á atmosfera en 2015, 12.332 corresponden ao campus de Vigo, o máis extenso en superficie e en número de usuarios, mentres que 3.826 Tm saíron do campus de Ourense e 3.679 do de Pontevedra, sendo en todos os casos a mobilidade a maior fonte emisora (54%), seguida pola edificación (18%) e electricidade (16%). Menos incidencia ten o gasóleo (9%), combustible empregado para calefacción en todas as instalacións, excepto os centros do campus histórico de Vigo, algúns edificios da Cidade Universitaria e o CITI de Ourense, que utilizan gas natural.

Por último, o papel, os residuos, o gas natural e a auga supoñen unha achega moi baixa de emisións en comparación coas fontes principais, un 3% entre todas.

Medidas para reducir a pegada

No marco das medidas máis salientables postas en marcha pola Universidade para reducir as súas emisións pódense diferenciar a instalación de diversas fontes de enerxías renovables: solar térmica e fotovoltaica (Campus de Ourense, área de Deportes, Citexvi, EE Industrial, etc.), xeotérmica (Biblioteca Central, Unidade Administrativa do campus de Ourense, Cacti, Citexvi) ou caldeiras de biomasa (Servizo de Deportes en Vigo). Tamén se levaron a cabo melloras na eficiencia enerxética dos edificios, como a substitución de luminarias por outras máis eficientes e de menor consumo, melloras do illamento térmico.

En total, grazas ás medidas posta en marcha nos últimos cursos, acadouse unha redución de 6.785 Tm anuais, sendo a substitución de balastros e a reforma da iluminación as medidas que supuxeron un maior aforro. A elas, hai que unir outras iniciativas como a substitución de caldeiras, a rehabilitación da envolvente térmica, a posta en marcha de plans de mellora da mobilidade, iniciativas de sensibilización e implantación de boas prácticas ambientais, fomento do transporte compartido, programas de reutilización de equipos e material e a implantación dunha política de conservación de ecosistemas naturais e da diversidade biolóxica dos campus.

También te puede interesar