Galicia

Galicia, primeira comunidade en ter sede xudicial electrónica dende o 1 de outubro

ordenador

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde pola que se crea e regula a sede electrónica xudicial de Galicia, que estará operativa o día 1 de outubro e permitirá aos cidadáns consultar o estado no que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte.

Deste xeito, Galicia sería a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha a súa sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza.

É un dos fitos previstos no Plan Senda 2020, programa para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel, un proceso progresivo, que Galicia iniciou en 2009 coas medidas do I Plan Senda e que culminará coa implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico, e que conta cun investimento previsto de 26,6 millóns de euros.

Esta é a primeira fase da sede xudicial electrónica galega, que irá incorporando funcionalidades progresivamente como a de iniciar online procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador; a presentación telemática de escritos; a validación de documentos; o acceso ao taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas; ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte.

A sede xudicial, que estará accesible a través de sede.xunta.gal e desde o portal xustiza.gal, é unha das pezas clave da xustiza sen papeis, un proceso complexo e progresivo, no que a Administración autonómica vén traballando nos últimos anos e que se acadará coa implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), do que Galicia xa ten en marcha todas as pezas.

Mobilizacións por parte dos traballadores de Xustiza

Sen embargo, os traballadores de Xustiza anunciaban esta semana un calendario de mobilizacións para denunciar e facer visible ante a cidadanía a falta de medios ou o “uso propagandístico” que a Xunta de Galicia fai da Xustiza.

Un dos principais temas que denunciaban era a situación da nova oficina xudicial, que “nin está nin se lle espera”. Os sindicatos denuncian que a pesar de ter publicados varios decretos para a súa constitución, “a día de hoxe non existe o papel cero, xa que é imposible incluso a comunicación entre comunidades autónomas”. “A Xunta anunciou que en outubro todos os cidadáns poderían ver o seu expediente dixital cando a realidade é que temos unhas limitacións brutais e imprimimos máis papel que antes”, salientan.

 

 

También te puede interesar