Vigo al minuto

O Sergas garante a “absoluta seguridade” das condicións hixiénico sanitarias no Álvaro Cunqueiro

hac6

Despois da denuncia dos representantes dos traballadores do servizo de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro hai unhas horas, na que alertaban incluso dunha epidemia no centro hospitalario a causa dunha bacteria, a EOXI de Vigo garante a “absoluta seguridade” nas súas instalacións e desminte a existenza de calquera “epidemia” no Álvaro Cunqueiro, dacordo cos rexistros epidemiolóxicos de infeccións no Centro.

Dende o Sergas aseguran que a presenza da bacteria Klebsiella é “algo común” en todos os centros de internamento e a súa presenza no Álvaro Cunqueiro é “similar” á de calquera outro hospital da contorna. A orixe destes xermes resistentes non está tan relacionada coas condicións hixiénicas dos centros, senón co uso inadecuado dos antibióticos.

Dende a dirección asegúrase que neste momento a maior parte dos illados no Álvaro Cunqueiro non son por Klebsiella, senón polas “propias condicións clínicas do paciente”.

Entre as medidas postas en marcha pola Consellería de Sanidade para facer fronte ás infeccións por Klebsiella e outros xermes resistentes destaca a elaboración dunha guía destinada a hospitais, co obxecto de previr as infeccións por esta causa.

Grupo de traballo e protocolo específico

Por outra banda, a dirección salienta que no Álvaro Cunqueiro creouse a principios de ano un grupo de traballo específico para o seguimento e control desta bacteria, que a súa vez forma parte do grupo autonómico da administración sanitaria galega.

Neste marco, o Cunqueiro dispón dun protocolo específico, con medidas de control para atallar a expansión do xerme. Así, desde o pasado mes de marzo realízanse controis a todos os pacientes que ingresan nas Unidades de Coidados Críticos ou en outras unidades, en función das necesidades, revisións que se repiten semanalmente.

También te puede interesar