Deportes Destacados

Sorpresa do Teucro, que logra o título de Campión da Copa Galicia 2016

teucro

O Teucro deu a sorpresa e logrou o título de campión da Copa Galicia masculina 2016 tras superar ao Frigoríficos do Morrazo por 30 a 32 na final disputada en Crecente.

Inicialmente o conxunto dirixido por Pillo, único equipo galego da Asobal, partía como favorito aínda que non estivo especialmente cómodo en ningún dos partidos da Copa, nos que venceu con máis apuros dos esperados.

A final comezou con moi bo pé para os pontevedreses, que defendían cun 5.1 que se lle atragantou ao Frigoríficos e que atoparon na portería de García Lloria unha barreira infranqueable para os atacantes do Cangas.

Así con 4-7 a favor do Teucro, o adestrador do Frigoríficos pediu tempo morto para frear a sangría. E foi efectivo. Pouco a pouco, o conxunto cangués foi achegándose ao rival para lograr o empate no minuto 24 (12-12). Nesta fase do choque, eran os de Cangas os que dominaban o xogo e parecía que podían impoñer esa superioridade teórica pola categoría.

Lograron poñerse por diante (13-12), pero so foi un espellismo. Novamente, o Teucro sacou peito e logrou volver a poñerse por diante no marcador cun penalti xa co tempo cumprido que os levou aos vestiarios cun gol de vantaxe (14-15).

Pero na segunda metade a igualdade que imperou na primeira metade desapareceu. O Teucro parecía atoparse moi cómodo sobre o parqué do Municipal de Crecente a pesares da altísima temperatura. So houbo uns minutos de respiro para os homes de Pillo, que despois foron incapaces de superar a magnífica defensa do Teucro e de frear a Dani Hernández e Carlos García.

Así as distancias foron aumentando ata os seis tantos de máxima diferenza, que obrigaron a Pillo a pedir tempo morto. Nos últimos minutos o Frigoríficos do Morrazo apertou un pouco o marcador e nos momentos claves, cando podían meter presión ao Teucro, volveu aparecer a figura de Lloria, que saíu nos instantes finais despois de estar sentado no banco case toda a segunda parte, para confirmar a vitoria do conxunto dirixido por Quique Domínguez.

No partido polo terceiro posto, que enfrontaba a BM Cisne e AD Xiria, logrou a vitoria o conxunto pontevedrés por un claro 28-21.

También te puede interesar