Cultura

Arrancan os primeiros obradoiros para maiores da @depo_es

deponmarcha

O vindeiro mes de setembro botan a andar os primeiros obradoiros do programa ‘Depo en Marcha’, impulsado pola Deputación de Pontevedra para fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia.

Nos primeiros días de setembro comezan 20 obradoiros en 13 concellos, pero en total ata finais de ano desenvolveranse 160 talleres, dos que se benefician asociacións de maiores, pensionistas e xubilados da provincia que participaron nesta convocatoria.

En Vigo, a Asociación Nosa Terra de Alcabre dá comezo ao obradoiro ‘Manexo da ansiedade e do estrés’; a Asociación Nevox inicia un taller de ioga; a Asociación de Veciños de Coruxo comeza un obradoiro de ‘Manualidades variadas’; e a Asociación de Veciños de San Roque o taller de ‘Ximnasia de Mantemento’. No municipio de Pontevedra, a Asociación Chan do Monte abre o curso de ‘Pilates’; a Agrupación de Pensionistas e Xubilados de CCOO comeza ‘Plantas Medicinais’; e no Centro Sociocomunitario de Pontevedra impartirase ‘Zumba’.

En Silleda darán comezo dous obradoiros, a asociación de Cortegada-Avecuco inicia ‘Ximnasia de mantemento’, mentres que a asociación de Laro comeza con ‘Xogos Tradicionais’. A Agrupación Xunco de Salceda de Caselas imparte un taller de ‘Conservas Artesanais’, a Asociación Peñaflor de Barro realiza ‘Pandeireta e Canto Popular’, a Asociación Adapta de Ponteareas fará un curso de ‘Informática avanzada’ e a Asociación de Veciños O Cabalo de Pazos de Borbén inicia ‘Arte Floral’.

A Asociación de Veciños de Soutoxuste “Eixo” en Redondela abre o taller de ‘Informática iniciación’, a Asociación San Martiño de Borreiros de Gondomar comeza tamén ‘Informática iniciación’, na Estrada a Asociación de Veciños da parroquia de Orazo fará un curso de ‘Zumba’, a Asociación de Prexubilados e Xubilados de Viascón en Cotobade inicia ‘Ximnasia de Mantemento’ e en Nigrán a Asociación Parada do Miñor de Nigrán abre o curso de ‘Pilates’. En Mos comezan dous obradoiros, a Asociación de Veciños de Dornelas con ‘Ioga’ e a Asociación de Guizán con ‘Ximnasia de Mantemento’.

Os obradoiros que se desenvolven agrúpanse en oito bloques temáticos, que tentan aproximar ás persoas maiores a diversos campos como a natureza, a cociña, o deporte ou as novas tecnoloxías. En concreto, os bloques son: Traballando coas Mans, Entre Fogóns, Aprendendo da Natureza, Móvete, Activando Corpo e Mente, Dálle Marcha, Enredando e En Rede.

También te puede interesar