RGPD - Cookies
Comarcas Destacados

Chandebrito, observatorio astronómico por unha noite

castro-chandebrito2

O Concello de Nigrán organiza por segundo ano consecutivo da man da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, creadora do Observatorio Astronómico de Forcarei, unha noite de observación das perseidas, popularmente coñecidas como bágoas de San Lourenzo pola coincidencia con esta festividade.

A cita será este mércores 10 de agosto ás 22.30 horas no castro de Chandebrito. Os interesados poden acudir directamente alí a esa hora ou, se descoñecen o lugar, presentarse en coche ás 22.00 horas no Concello de Nigrán, dende onde se organizará unha saída para que ninguén se perda.

A observación estará guiada por Ricardo Lago, mestre e astrónomo vocacional ademais de colaborador do Observatorio Astronómico de Forcarei. A actividade é gratuíta e para tódolos públicos e recoméndase acudir con roupa de abrigo, toallas ou mantas para tirarse no chan, comida ou bebida se desexan cear vendo ás estrelas e prismáticos no caso de que dispoñan deles.

Entre perseida e perseida, ademais, o experto amosará as diferentes constelacións e haberá unha sorpresa para facer aínda máis máxica esta noite.

Dende a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura sinalan que a explanada do castro de Chandebrito é un lugar privilexiado porque é un espazo grande con amplitude de bóveda celeste e ten unha contaminación lumínica moi baixa, xa que non chega prácticamente a luz de Vigo, Baiona ou Nigrán.

Por outra banda, os astrónomos consideran este ano especialmente favorable para a súa observación, cinco veces máis intensa que anos anteriores.

También te puede interesar