Científicos galegos melloran a diagnose da fasciolose, enfermidade que afecta a 17 millóns de persoas

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Victoria Martínez, Ricardo Orbegozo e Florencio Martínez Ubeira (USC); e Marta González e Mercedes Mezo (Ingacal)

Investigadores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (INGACAL), coordinados polos investigadores Florencio Martínez Ubeira e Mercedes Mezo Menéndez, respectivamente, acaban de perfeccionar a súa metodoloxía diagnóstica para a fasciolose, unha enfermidade parasitaria emerxente que afecta uns 17 millóns de persoas en todo o mundo.

A fasciolose é unha enfermidade que se estende principalmente por Asia e Latinoamérica, e que provoca importantes perdas económicas en animais de produción, sobre todo gando ovino e vacún. A Organización Mundial da Saúde (OMS) inclúea no programa de control integral das doenzas tropicais desatendidas.

A infección prodúcese por inxesta de vexetais crus contaminados con metacercarias (forma infectante do parasito) que proveñen dun pequeno caracol de auga doce que actúa como vector (Galba truncatula). En humanos a enfermidade cúrase en catro fases, que inclúen o período de incubación, unha fase aguda, outra latente e unha última obstrutiva ou crónica. Os síntomas máis destacados teñen lugar durante a aguda, cando os parasitos migran e se alimentan do tecido hepático, e na crónica debido ás alteracións e obstrucións que producen os parasitos adultos nas vías biliares.

También te puede interesar