Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

SOS Sanidade Pública e Xunta de Persoal convocan unha nova concentración este xoves, diante do Xeral

manifa2A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo e a Xunta de Persoal, “a pesares das datas nas que nos atopamos e sendo conscientes do esforzo que supón”, convocan unha concentración o xoves 21 de xullo na rúa Pizarro, diante das antigas urxencias do Xeral, ás 8 da tarde.

Na mesma reclamarán o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro; o uso sanitario do Anexo I do Xeral; apertura de todas as camas de hospitalización; apertura da Unidade de Críticos do Meixoeiro; acabar coas derivacións de pacientes á Sanidade Privada e un plan de choque para reducir as listas de espera.

Diante do feito de que o Servizo de Saúde (SERGAS) pretende destinar á Cidade da Xustiza a Torre do edificio do antigo Hospital Xeral de Vigo xunto co Anexo I do mesmo, “dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo e a Xunta de Persoal queremos instar á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade a non devolver os Anexos do antigo Xeral á Seguridade Social e manter o seu uso sanitario”.

A atención sanitaria da área de Vigo precisa dedicar a uso sanitario os Anexos I (12,672 m2) e II (8,022 m2), para “situar neles servizos moi necesarios para Vigo como un Centro de Alta Resolución, un servizo de Cirurxía Minimamente Invasora (mantendo o Bloque Cirúrxico existente), un Bloque de Consultas Externas e Gabinetes de Exploracións e Probas Funcionais (necesarios para reducir as listas de espera), un novo Centro de Atención Primaria que remate coa masificación dos actuais; unha Unidade de Saúde Mental que substitúa ás pechadas na Dobrada e Coia, e manter o Servizo de Urxencias Extrahospitalario, o Servizo de Rehabilitación e o Centro de Orientación Familiar”.

También te puede interesar