Galicia

Alertan do peche por parte do Goberno de Galicia das Escolas Unitarias de Moreira, en Gondomar, e Pontellas, en O Porriño

Escola PontellasOs responsables de Esquerda Unida da Comarca de Vigo veñen de esixir ao Goberno de Galicia a inmediata revocación da medida, que cualifica de “drástica, lesiva e un desastre total para o alumnado, as familias, os traballadores e as zonas afectadas”. O peche, anunciado no DOG, de dúas Escolas de Educación Infantil na nosa comarca, a EEI de Moreira, en Gondomar, e a de Pontellas , en O Porriño, que xunto con outros 11 centros públicos cesarán na súa actividade no vindeiro curso.

“O ensino non pode ser medido e xestionado en termos económicos. Non é unha empresa senón un servizo público, e como tal debe dar resposta ás necesidades da cidadanía. Pechar estas escolas e facer desprazarse ao alumnado é unha medida negativa que atenta contra os intereses dos rapaces, das familias, dos mestres, dos traballadores do centro e da propia zona e que contribúe ademais a baleirar e desprezar o medio rural”, explicaba Daniel García, Coordinador da Área de Educación.

Esquerda Unida engade que o anuncio do peche foi publicado no DOG aproveitando a pausa estival, como vén facendo a Consellaría cada verán dende hai anos. “Anuncialo en verán é unha estratexia para tentar evitar as protestas das familias, ás que alentamos e que apoiaremos activamente para esixir que a administración cumpra coas súas obrigas para con eles. Ter unha escola na zona onde viven non é un luxo senón unha necesidade de sentido común”.

También te puede interesar