Cultura Destacados

Los Suaves, Manuel Gallego, Francisco Leiro e Basilio Losada, galardoados coa Medalla de Ouro de Galicia

los suaves

É un “agradecemento” a todas aquelas persoas, institucións e fundacións que “honra á nosa terra” coa súa actividade e “fai unha mellor Galicia”. Ese é o obxectivo da Medalla de Ouro de Galicia, que este ano será entregada ao arquitecto Manuel Gallego, ao artista Francisco Leiro, ao profesor e escritor Basilio Losada e ao grupo musical Los Suaves.

Este galardón entregarase aos premiados nun acto solemne que se celebrará o vindeiro 24 de xullo.

Galardoados

O carballinés Manuel Gallego, cunha ampla traxectoria arquitectónica como o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Completo da Xunta en Monte Pío, será galardoado pola súa actividade para promoconar a cultura galega, xa que foi fundador do Museo do Pobo Galego en 1976 e membro do Seminario de Estudos Galegos e da Fundación Seoane. Ás súas costas figuran premios como o Nacional de Arquitectura ou a Medalla Castelao.

O cambadés Francisco Leiro é unha das “principais referencias da escultura galega” e conta cunha prolífica obra tamén como pintor. Moitas das súas obras son iconas recoñecidas dalgunhas cidades galegas e españolas, como o ‘Sireno’, na Porta do Sol de Vigo, a ‘Homenaxe a Castelao’, na Alameda de Santiago de Compostela; ou a ‘Batea’ sobre o río Lérez.

Pola súa banda, o catedrático en Filoloxía Románica, Galega e Portuguesa Basilio Losada converteuse nos anos 60 e 70 en referencia da cultura galega en Cataluña. É autor de numerosos estudos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, e ten traducido 150 libros en sete linguas. Premio Nacional de Tradución, Creu de Sant Jordi, Medalla Castelao e Premio Otero Pedrayo,  en 2015 entrou na Real Academia Galega como académico de honra.

O grupo ourensán Los Suaves conforma “unha das bandas con maior soleira do panorama musical da nosa terra”. Formada inicialmente polos irmáns Yosi, Charly e Javier Domínguez nos anos oitenta, comezaron os seus primeiros acordes no rock máis urbano para ir camiñando cara un son máis influenciado polo heavy metal. Tendo actuado xunto a grupos como Los Ramones ou The Rolling Stones, asentáronse como unha das bandas máis consolidadas da escena do rock español chegando a vender máis de dous millóns de discos.

También te puede interesar