Ciencia y Tecnología

O fútbol galego terá quiniela propia

quiniela galega

A Federación Galega de Fútbol porá en marcha a Quiniela Galega, “unha iniciativa pioneira en España” coa que os seus promotores pretenden xerar novos recursos para o fútbol galego, máis imaxe de marca e mellor posicionamento dos clubs federados. O seu proxecto de creación foi elaborado polo Grupo de Investigación Gen da Universidade de Vigo, grupo formado por máis de 50 economistas con base na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

A quiniela contará cunha aposta semanal sobre 13 partidos, un bote acumulable nun partido adicional (sistema “jackpot”) e unha aposta a maiores para os nove primeiros partidos. Cada boleto incluirá nove encontros da categoría Terceira Galega, dous partidos de 1ª Feminina e dous partidos de Rexional. A iniciativa, que combinará o boleto físico coas apostas electrónicas, comezará a funcionar en modo de proba na tempada 2016/17.

Cun plan de viabilidade detrás

Segundo se detallou na presentación, a quiniela nace cun estudo previo realizado polo Grupo Gen, que conta con especialistas en economía do deporte como Ángel Barajas. O traballo de investigación e plan de viabilidade da quiniela inclúe un equipo mixto de economistas e expertos lexislativos da Universidade de Vigo formado, ademais de por Patricio Sánchez e Ángel Barajas, por Pablo López, María Pérez e Jesyca Salgado e polos xuristas Javier Rodríguez e Pablo L. Estévez, de JPM Abogados. Eles coordinaron o traballo xunto co presidente da Futgal e Manuel Soage, economista e asesor económico da Federación finado pouco despois de rematar o proxecto.

O estudo de viabilidade da Quiniela Galega inclúe unha análise lexislativa das apostas deportivas en España e en Galicia, unha análise de mercado tanto en España como nos países con maior tradición de apostas deportivas, como Italia, Reino Unido, Alemaña e Francia, e un informe técnico con propostas para desenvolver o proxecto en Galicia ben a través da explotación directa ou dun acordo económico e legal cunha casa privada de apostas deportivas ou ben dun sistema de apostas mutua da Xunta.

Entre 2,4 e 10,2 millóns de euros anuais en ingresos

A Quiniela Galega lanzará a súa primeira fase na tempada 2016/17, coa parte do traballo dedicada a ensaios e probas reais cos apostantes e sen premios en metálico, coa fixación de prezos e coa creación e rexistro de marca. Nesta primeira fase despregarase o proxecto en toda a súa fase legal e administrativa e porase en marcha unha comunidade virtual que servirá de captación de datos para o lanzamento da aposta.

Na tempada 2017/18 comezará a aposta como produto “on line” e boleto físico, para chegar a todos os públicos, e iniciarase o procedemento de recadación e reparto de premios e recursos para o fútbol galego. Segundo as estimacións do Grupo Gen, o sistema pode xerar entre 2,4 e 10,2 millóns de euros anuais en ingresos, en función do prezo que se fixe para o boleto, da súa implantación e do éxito no mercado. O modelo está pensado para actuar directamente sobre o posicionamento das marcas dos clubs galegos e tamén para potenciar o fútbol feminino, que será incluído por vez primeira nun sistema regrado de apostas.

O proxecto, do que os seus promotores sinalan que é “100% galego”, combina as sinerxías das apostas electrónicas, cun crecemento anual do 28%, coas dos boletos físicos, que se ben, indican os promotores da quiniela, “están en tendencia decrecente” atenden ao público non dixital e manteñen un importante nivel de ingresos en Galicia, situado en 16 millóns de euros ao ano. O dobre modelo, sinalaron, “permite acceder a todos os públicos e mellorar a recadación da quiniela e o reparto de premios”. En 2015 as apostas deportivas “on line” en Galicia, apuntaron, recadaron case 120 millóns de euros.

También te puede interesar